A traxedia de Moncho, O Fungueiriño
Lémbrome un día, aló en setembro 1997, que o mundo dou un tombo. Aquel día todo o que mirabas, deixábate aloulado, andaba o pobo todo alporizado, horrorizado, non se albiscaba mais que tristura no entorno. Tantas caras pasmadas, tantos ollos amulatados, tanto ensimesmamento nos trolebuses da rica Xenebra, tantos paseantes ollando o chan, até as autoridades mandaron esmirrar o famoso chorro por mor do velorio de Lady Di. Os paseos pola beira do lago era un ir e vir de pantasmas que, co corazón revolto e coa voz doce e mainiña, encetaban conversas apaixonantes: «¡malditos paparazzi!» (dicía unha boa señora mentres ollaba con moito interese unha revista do corazón no salón de peiteado).
Bendita a televisión por cabo, bendito o herexe que se convertera ao anglicismo polo amor da princesiña, bendito o matón que tomou unhas copas de mais pero, iso si, malditos fotógrafos afamados e miñatos que por comer quente son capaces de perturbar a paz de semellante santa pureza, de santa princesa, até a familia política que, en troques de fregarse as mans de pracer como sería lóxico, botaron a súa bágoa de tristura e manifestaron publicamente, coa debida dignidade, a sua desolación. ¡Business is business!
O domingo seguinte ao dia fatal, co hábito helvético, baixei poñer a cadela a mexar e mercar o xornal, pousei as nádegas nunha cadeira da terraza do bar, para aproveitar as derradeiras raiolas dominicais do efémero verán da Romandía e ler tranquilamente. As quince primeiras páxinas estaban adicadas ao acontecemento de marras, pola contra a nai Tareixa só era dona da páxina 16. ¡Probiña!, si, debía ser por probiña. ¡Business is business!

O meu veciño Marujo (de alcume), que é un home moi razoable e comedido, por iso eu non me relaciono con el, conversaba con un grupo de vermuteiros:
– Compre restabelecer a pena de morte para os xornalistas asasinos.
A Sociedade Protectora de Animais desaconsella colgar toda besta polos testículos, mesmo os máis noxentos, pero este meu veciño debía ser unha excepción. Estar catalogado no xénero monstros da natureza.
De volta a casa ouvín soar o teléfono.
– ¿¡Alló!?
– ¿Sabes quen morreu?
– ¿E quen?
– Moncho
– ¿Que Moncho?
– Aquel que morou con nós nas barracas no 81.
– Pois non me lembro.
– Si, home, Moncho (O Fungueiriño) aquel que sempre dicía que dende que chegaba a Galiza, o primeiro que facía era dar uns fungueirazos na Maria, por iso lle chamábamos Fungueiriño.
– ¡Ai si ho! agora xa sei quen dis.
– Pois enterrárono o mércores. Onte chamoume a sua muller, para que lle mirara que dereitos tiña en canto a viuvez, e como ti estás mais ao tanto de estas cousas, pois chámote para ver se lle podes botar unha man.
– ¡Home! Eu non sei, ti ben sabes que el non se quixo sindicar nunca, a min tenme feito moitas trapalladas porque non soportaba verme falar das miñas ideas…
– ¡Ben cho sei! Pero éche unha caridade axudar agora a sua viúva, no fondo non era mais que un pobre diaño, ela non sabe ler nin escribir, os fillos son uns larpeiros que lle larparon todo o que tiña e aló ninguén se ocupa de ti se non tes un chavo e, se se ocupan, cómenche o pouco que che fica.
– Tamén tes razón…
Moncho, O Fungueiriño, era a antítese da Lady Di.
Barraca número 4.

Coñecino nos albores do meu desterro. Era o habitante da barraca Nº 4, estaba só nun cuarto porque non atopaba ser que o aturara. Pagaba por dous un cuarto de 3m. X 3m previsto para dúas camas.
Xogando as cartas era un portento, ás dúas bazas sabía quen tiña o tres e, se tiña boas cartas, non perdía un tanto. Cando remataba a partida sabía cantos puntos tiña cada xogador sin contar. Tute, escoba, brisca… a todo lle daba.
O xogo as cartas era o seu único pasatempos, nunca lía, nunca ía ao cinema, nunca falaba de outra cousa que non fosen as cartas.
Enriba do seu leito tiña pendurado o testamento de Franco, sabíao de memoria e profesaba unha fervente admiración polo finado ditador (que deus llo perdoe). Paradoxalmente, a culpa de todo tíñana os cregos. Segundo el, Franco eliminou a peste comunista, anarquista, sindicalista e franco-masónica pero o seu erro foi non capar os cregos. Dicían as más linguas dos seus veciños que o enorme odio polo clero viña de que sua irmá empreñou do crego da parroquia e cando a familia se decatou xa era tarde para botala a perder e o pai, sentindo piedade de ela, fíxolle a mellora. El era o fillo destinado a coller os aprechos da vida pero este incidente veu trocar o rumbo da sua vida.

Das tres saídas posíbeis (casamento con dote, casamento con rica, ou emigración) a Moncho tocoulle a derradeira.
A culpa da situación non a tiña o atraso económico da Galiza, nen o liberalismo, nen o caciquismo, nen os corenta e pico anos de ditadura, a culpa tíñaa a sua sogra que era unha harpía, unha loba e unha víbora. Nunca descubrimos porque a sogra era tan má pero dende que alguén falaba de unha sogra corríalle unha suor pola testa, e comenzaba a tatexar e escumar.
A sua dieta era composta de patacas, ovos, touciño salgado e, de cando en vez, esperaba o peche da Placette para ver se lle vendían catro xurelos de rebaixas de última hora.
Como nas barracas estaba prohibido cociñar no cuarto, cumpría rendibilizar a cantina, Moncho comía case todo frío ou, coma outros, cociñaba clandestinamente con un forniño eléctrico agochado na maleta, na fiambreira da obra e con todo ben pechado para que non o descubriran. Entrar alí era entrar en unha cámara de gas.
Bagoas, sexo e suor…
Traballaba nas obras, era un traballador modelo, un verdadeiro Stakhanovista, o home do martelo pneumático. Os capataces chamábano «Demolisseur». Tiña un medo terríbel a que non lle renovaran o contrato: coma todos pero a el notábaselle moito.
A arte do peloteo manexábaa con mestría. Non paraba de rebaixarse a si mesmo, facía continuamente eloxio da sua condición de desgraciado, estaba sempre disposto a ocupar os postos que os mais arriscados rexeitaban. Padecía vertixe e cando o mandaban subir ás estadas facía tremer toda a armazón. Pero subía.

Aos sábados, despois de amolecer a roupa nas duchas colectivas, baixaba á estación para ver mundo. Sentaba nun banco do andén perante horas, pensativo, coa faciana esmorecida e, coma extasiado, observaba os trens pasar sen un soo xesto, sen resollar, tiraba un pano sucio do peto da zamarra e limpaba os bormos despois de pasalo polos ollos. Cando se perdía de vista o tren de Port-Bou e o de Irún, erguíase e marchaba amorfo, sen ollar para tras.

Despois dirixíase aos Acordeóns (o baile das vellas), botaba unhas bailiñas e bebía un vasiño de viño do mais barato. Na época había moita afluencia e as vellas eran moi solicitadas. Non me estraña que fose entre elas a porcentaxe mais alta de votantes a favor de manter o estatuto de tempereiros inmigrados. Gostaban moito que non puidesen ser acompañados pola familia. ¡Business is business!
Por veces lograba unha conquista e chegaba á madrugada todo satisfeito. Cando non concluía coas vellas daba unha volta polo barrio chino, e, se atopaba unha que lle facía un prezo satisfactorio para ambas partes, subía, contrariado, e despois contáballo aos compañeiros da barraca embelecendo o feito e enaltecendo o moito que a afortunada dama berraba de ledicia…
Algunha rapaza do oficio aparecía rondando as barracas os fins de semana para abordar a clientela, que aínda sin ser selecta, era abundante e pagadora. Un día Moncho contratou unha e levouna para o cuarto. A rapaza, ao ver o fluxo branco que cobre o prepucio cando non se mantén unha hixiene rigorosa, mandouno lavarse nos lavadoiros e esixiulle o pagamento da suma tratada antes de toda outra transacción.
Mentres el se aseaba, uns mozos portugueses, que estaban ao axexo, repañaron a lady para o seu cuarto e, á volta, Moncho adoecía coa dor de testículos. Cando se decatou, que nas barracas todo se chega a saber, Moncho comentou con uns aires non faltos de unha sospeitosa filosofía: «¡Estes portugueses arruínan a emigración!»
Permiso B
O domingo, remataba de lavar a roupa e ía visitar algún veciño ou botaba a tarde na cantina xogando as cartas se tiña contrincantes.
O seu patrón permitíalle ficar na Terra para facer a milleira. Sempre facía menos de nove meses de contrato e por iso nunca apañaba o permiso B. Era un de eses eternos tempereiros.
Unha vez que a miña empresa coincidiu na mesma obra que a sua, traballamos xuntos

Eu estaba facendo un curso de dereito do traballo e pasaba as pausas lendo e facendo exercicios escritos. Moncho chamábame«Catedrático da merda», «Burro cargado de libros».
Eu lembráballe decote aquelas xentes que viñan xunto dos labregos a facerlles firmar papeis e, ao mesmo tempo, aquel que quería amañar o mundo cando el sabía ben que o mundo podre no que vivíamos non o amañaba nen Deus. Para el era claro: o noso fado era andar arrastrados e o poder de trocalo estaba nas mans daqueles que, xustamente, non tiñan interese en mudar cousa ningunha.
Soportaba moi mal que eu o observase en silencio. Sabía con certeza que era o único que o entendía na obra e escaravellaba nas razóns profundas do seu sentimento para roubarlle unha alma de revolta que estaba dominada e oculta por un corpo marcado pola xenreira e os golpes baixos, polo desprezo e a indiferenza.

A indiferenza é a que mais dano fai na moral dos homes desterrados, zombis que viven coa amargura no seu peito e coa esperanza, que eles saben inútil, de futuros tempos de felicidade, unha nova mocidade roubada no seu tempo.
Eu era o que estaba alí para poñelo no seu sitio, en fronte das súas contradicións. Eu propoñíalle erguerse e loitar pero non lle daba as garantías do éxito. Eu non era o mito, semellábame de mais a el.
Pasado o tempo, eu mudei de traballo e de morada e perdino de vista. Mentres, Moncho envelleceu e, para o seu patrón, crise dediante, era menos produtivo e rendible.

Volver a terra…
Un día vino na estación e convideino a tomar un branco no bufete. O probe estaba tan contento de verme e poder berrar un pouco comigo que quería pagar a toda costa. Botou man ao peto da zamarra e sacou uns francos envoltos en tabaco. A camareira puxo cara de noxo. Ela non podía comprender. Anuncioume que o despediran.
– ¡Non hai dereito!
– ¿Non te lembras cando ti me dicías que os que estaban no paro era porque non querían traballar? ¿Agora logo décheste conta? Claro que hai dereito, ¡mamón!
– ¡Vaite para o carallo!
– ¿Porque andas sempre con esa zamarra? ¿Non ves que morres de calor? Así e todo, estamos no mes de agosto.
– Éche por ter petos para meter o pasaporte amais o permiso de estadía
Moncho marchou definitivamente de alí a pouco. Na oficina do desemprego aconsellábano vivamente en eses senso. Impórtase man de obra e expórtanse casos sociais. «Cando van van como rosas, cando ven…»
– Vostede estaría mellor xunto dos seus, na sua Terra.. (tamén os nosos fillos estaban ben lonxe de nos cando viñemos, magoa que non llo dixeran antes de emigrar).
A partires de aí, os fillos, doídos porque non chegaban os xiros do sacrificio do pai, afeitos á pitanza que despreocupadamente recibían de Suíza, disque recomenzaron a maltratalo e desprezalo. Iso contoumo un día que me chamou para que lle mandara uns papeis necesarios alá.
– Ti debías ter sido meu fillo, ti sabes moi ben que eu, no fondo, apreciábate moito.
– ¡Xa o sei Fungueiriño xa o sei!
O dos fillos pode ser normal, anque non escusable, eles non o coñecían coma min. Era eu quen estaba decote con el, no mesmo suplicio, remando no mesmo galeón. ¿Como podían os fillos decatarse se nunca viron a barraca número catro?
Nunca saberei se mo dicía por pelota para que lle amañara os papeis a présa ou se verdadeiramente o sentía. O teléfono é tan distante e frío cando estás fora que xa non sentes o calor dos bos momentos nen a lembranza de aqueles engadellos para matar o tempo e aloumiñar a morriña.
Estou seguro que para Moncho é mellor que non exista a vida eterna. Será eternamente emigrado, porque é o prototipo do emigrante e non pode ser de outro xeito. O mellor favor que se lle pode facer é que volva a terra que o viu nacer para estercala e dar novos froitos de esperanza.
Inda nas longas noites de inverno, a medida que me achego ao momento fatídico da miña ida, cando os achaques non me permiten acurruncharme con Morféo, venme ó espírito a pantasma do Fungueiriño e venme a vontade de berrar: ¡eu tamén son Moncho, O Fungueiriño!
]]>
A rutina, din que a rutina mata. Todo é cuestión de pareceres. Uns están sempre amargados coa rutina e outros acomódanse de ela e aínda lle sacan partido dado que a rutina da unha certa seguridade.
Uns poucos, coma min, tentan poñerlle un diapasón a rutina e aproveitala para evadirse nos momentos nos que se ten que estar en algún sitio aínda cando nos gustaría estar en outro.
Por poñer un caso, eu, esta mañá, despertei as cinco e, sen transición púxenme a difícil tarefa de tentar durmirme de novo, nada que facer, foi a hora de erguerme que Morféo, o moi cabrón, se apoderou do meu corpo e puxome en stand by por un momento, a consecuencia de este despiste, clásica… meterse a buscar unha desculpa para o traballo mentres andaba a trompadas coa máquina do café que non furrulaba precisamente en ese momento que tanta falla me facía un café e de xeito rápido.
Saín apurado, como é habitual, deime conta que me esqueceran os anteollos despois de ter fechado a porta e o portelo da eira, dicir que non blasfemei en eses momentos non sería crible.
Para non correr coma un tolo no coche puxen a radio para escoitar os clásicos tertulianos que, con tanto aprome, nos fan tamañas teorías que non son mais que divagacións das cales ninguén se lembra unhas horas despois porque, se nos lembraramos, ¡ai, ai se nos lembráramos !.
Logo deixei o coche e estiven tentado de coller o tranvía pero resistín a tentación porque me veu a mioleira que o médico, o fodido médico, me dixo que tiña que andar, mínimo, media hora por día, exactamente os dous quilómetros e medio que hai do aparcamento de lÉtoile ao meu choio.
Xa que un ten o iphone, Deus que o dou e nos que o temos ¿para que o queremos ?, enfiei os cascos nas orellas, puxen a música no aleatorio e bota a andar co paso firme e o peito erguido para que non se note moito eses pequenos achaques « sen importancia » que se ten a miña idade.

Chámame a atención sempre eses pequenos aconteceres sen mincalla de importancia que non deberían ter incidencia pero que a teñen mais do que queremos admitir. Unha palabra en una canción de Xil rios (Avoiño) e unha serie de impulsións eléctricas ponse a furrular no meu cerebro o cal empeza a reproducir imaxes da miña vida pasada tal un achádego en Google.
Así é como viñeron a min os carreiriños de entre o millo, as amoriñas da silveira que lle daba ao meu amor, os buxos que prantei… e tamén as herbiñas do camposanto onde se enterrou miña avoa.
Miña avoa, era un persoeiro importante, mais importante que Lance Armstrong, que Neil Armstrong, que o Real Madrid e que os premios príncipe de Asturias, moito mais. ¡Era a Miuda do Carballal.
Tiña carácter explosivo, xenerosidade, abertura de espírito, estaba totalmente desprovista de boas maneiras burguesas, non era coqueta, nin vaidosa, nin cínica, nin falsa. Nadaba en un mar de bo humor e alegría de vivir mesmo se o berce, a liñaxe e o lugar de nacemento non a situaron en unha conxugación espazo-tempo moi favorable.
O nome de Miuda, víñalle de súa avoa que, como o seu nome indica, era, digamos, xeitosiña pero bonita e engaioladora, casou con un home cumprido que viña namorala dende a Abelenda, de noite polos carreiros estreitos do monte Castelo, alí onde hoxe vemos eses muíños de vento ¿ou son xigantes ?.

O avó de miña avoa, debía ser valente, ou a súa namorada era ben interesante, porque o Castelo bretemoso e cheo de brañas non debía ser un « parcours vitae » precisamente a mediados do século XVIII onde as alimañas eran abundantes e, coma todo mundo na época, non andaban co bandullo moi cheo que digamos. O vir as mozas dúas ou tres noites na semana maxinamos que non era un cruceiro de pracer.
Cando miña nai me paríu no tallo do anllar enriba de unhas pallas, con unha dor intensa debido a unha cabeza prominente que eu disque tiña, contáronme que miña avoa colleume nos brazos e non dixo nada de nada… outros aquí dirían que pronuncio unha frase para ficar na historia pero eu penso que iso son parodias, de cheo, no medio da esfolla do millo, miña avoa viúva, con dúas fillas solteiras na casa e unha que ven de parir, o todo adobado coa ditadura e a falla de perspectivas, o que dis é que hai que ter paciencia e que a can fraco nunca lle faltaron pulgas.
En ese momento, eu delegaba na miña avoa a miña obrigación de sobrevivir. Como miña nai non tiña leite que me chegara eu, que fun sempre un larpeiro, non paraba de chorar e foi a miña nai de leite (Hermosinda de Antón) que me dou de mamar unha tempada pero como Enrique (meu irmán de leite), que nacera no marzal, tampouco non era esquerdo en tirar do teto, non tivo mais remedio, miña avoa, que de irlle mercar unha cabra leiteira a Gabina de Santo Estevo de Malvarez.
A lercha da Gabina tentou de enganala meténdolle unha cabra vella que dodemo gota de leite botaba. Vaia gresca que armou miña avoa. A Gabina non tivo mais remedio que trocarlle a cabra por outra mais axeitada.


Perante os anos que seguiron, eu durmín coa miña aboa e, como non podía ser de outro xeito, mexei moitas veces por ela. A derradeira vez foi cando ela me dixo :
– Demo de galopín, preguiceiro, se me mexas outra vez vouno poñer na porta da igrexa.
Lembro que me contaba contos nas longas noites de inverno e me ensinaba pregarias particulares que non sei de onde raios as collía:
– Jesuscristo se perdió, su madre lo andaba buscando, de huerto en huerto… de… rosario… en… rosario…
Íase durmindo pouco a pouco e eu,que estaba interesado no tema, dáballe co cotobelo e ela sobresaltábase e retomaba a pregaria alí onde se lembraba :
– Alborito Dios te guarde, Dios te guarde Alborito….
Lembro un día, Manuel do Marico que era o único viúvo varón do Carballal veu tentar de seducila contando que non había ninguén na casa, eu estaba no sobrado e observaba agochado por entre as regañas da madeira que meu pai puxera cando andaba convencendo en miña nai para facerme a min, el era aprendiz de carpinteiro.
Manuel que sentía a chamada da derradeira virilidade que lle ficaba, agarrouna polos cadrís e díxolle :
– ¡ai Doloriñas que ben axeitada es ! ¡éixame darche un biquiño muller, anda !
– ¡Marico, mala centella te parta ! ¿seique toleaches ? ¡arrédate de min que che vou arrear coas cadeas da gramalleira !
É de recoñecer que Manuel do Marico non era un home que tivera un «sex-appeal» moi desenrolado.
En isa época había moitas mais viúvas que viuvos, deixo aos especialistas determinar o porqué, eu soio constato, non vaia ser que tire conclusións que firan a sensibilidade das feministas, non está o forno para bolos.
O que si era un Gentleman era Antón da Raposa, un verdadeiro picaflor, cortexaba a Garabexa, a Ferrina, Delaira… un día teremos que contar a vida de este home que era un verdadeiro Casanova.

Cando viña a orde de Franco de vacinar as vacas todo mundo ía cara a Agra da Balsa coas vacas a corda. Un grupo de homes, os mais atrevidos, axudaban ao veterinario para tremar do gando mais aguerrido.
En unha de esas vacinas colectivas, miña avoa viña toda lixeira, remangada e o veterinario ao vela vir tan disposta, a modo de brincadeira, díxolle aos homes :
– ¡A ver ! tremade da madriña que tamén a vou vacinar, mentres lle sacaba o aire a xeringa que tiña na man.
Miña avoa, en troques de se aminalar e se avergoñar, avanzou decidida cara el, remangou a saia e espetoulle :
– Pincha, carallo pincha que de homes mais gallardos que ti xa levei amais non me mataron.
Era con grande interese que eu ia recobrar os fios dos canivetes das bombas de palenque que eran ben axeitados para coser os zocos, miña avoa era unha especialista en esa arte, con unha subela feita da ballena de un paraugas furaba o coiro do zoco e con pez feito da resina dos pinos cosía os zocos que duraban unha eternidade.
Cando na milleira iamos gradar os zocos enchíanse de terra e miña avoa escalaba todas as noites coa punta do fouciño. En certa ocasión, coa intención de aforrarlle traballo, eu pillei unha tópea e metinlla nos zocos, é verdade que o resultado foi positivo, a tópea fixo un traballo extraordinario pero despois miña avoa non quería poñer os zocos porque lle daba asco.
Na primeira vez que eu saín da península, fun traballar un verán a Bruxelas no hotel Duc de Brabant facendo camas, no restaurante do hotel facían ancas de rá. Cando volvín fun para o rio da Braña e apañei cantas ras puiden, prepareinas a conciencia e tentei facerllas comer a miña familia, ela non comeu bocado aquel día e dixo :
– esa tixola e ese prato poñedeo a un lado para o rapás.
Lembro que a primeira televisión que veu para a miña casa tróuxena eu de Bruxelas precisamente. Ela, que tiña que poñerse moi preto porque a vista xa lle cansara, achegábase a veira e seguía todos os programas de noite sen resollar.
En unha de esas series americanas, non lembro cal, a atriz viuse namorando con un actor e pouco despois xa se viu con unha certa barriguiña, como a ela éralle dificil concebir que o tempo pasara tan rápido, chegoulle os puños cerrados a pantalla e díxolle :
– ¡Raios te partan ! ¡xa ías preñada, carallo, que ven te apertabas lercha !

Un de ese momentos emotivos dos cales te sentes o cabaleiro gardián de unha distinguida dama foi cando a acompañei a facer uns análises a Santiago. Como o coche de liña non saía até as sete da tarde, leveina por Santiago adiante para que vira mundo. Ela marabillábase de cada cousa que via, tanta cousa extraordinaria que ela non sabía para que era, tantas luces por todas partes… Para entrar en unhas escaleiras mecánicas tiven case que collena no colo.
Nunca esquecerei cando víñamos no coche de liña e atopamos alí con Fina do Labrador e puxéronse a conversar as dúas :
– …
– E logo o neto levoute ver moitas cousas ¿non si Dolores ?
– Levou, ¡Diolopague !
– Ben se nota que ti lle queres moito
E difícil para min de poñerlle palabras para explicar eses momentos tan cheos de ledicia. Ela mirou para min, os seus ollos humedecéronse e, repoñéndose de contado, fregou as enrugas da súa cariña coa manga da chambra e, coma se a cacharan con unha debilidade, virouse para Fina :
– ¡E non vou querer muller ! ¡E o meu anxo do ceu !
Dada a intensidade coa que estas palabras foron pronunciadas, todos os que estaban arredor ollaron para ela, baixaron a vista e un silencio pesado apoderouse do bus perante uns minutos… nunca me sentín tan cheo de felicidade. Cando algo sae do fondo das entrañas nótase ben.
Un día que había romaría en Vilamaior, no descanso, uns amigos amais eu viñemos tomar algo a casa no descanso e ela que estaba fiando a carón da lareira observou que unha das rapazas do grupo levaba unha saia moi cortiña, veulle apalpar unha perna e díxolle :
– ¡Ai criaturiña ! ¡non ves que vas coller friaxe ! ¡Polo amor de deus ! se queres préstoche eu unhas medias.
A rapaza aínda non me fala hoxe.
No outono de 1977, rematado a miña viaxe estival en Suíza, regresei facendo escala en Barcelona, na casa de miña madriña, cando cheguei a Barcelona, tiña unha nota na porta :
– Pídelle as chaves a veciña que che vai explicar
A veciña explicoume que lle dera un ataque a miña avoa e miña madriña tiña marchado na noite para Galiza.
Mentres o lento tren que nos leva pola ancha Castela cara a nosa terra me levaba ao seu leito lembrei que nunca lle tiña dito canto lle quería.
Tantas veces eu chorei, ela apertoume no seu peito, cantoume cantigas do cuco e do paspallás, aplicoume trapos quentes cando tiven feridas, aloumiñoume cando tiña unha tristeza, fíxome freixós, papas de millo, rixas con mincallas de broa… e eu non fun capaz de decirlle un día que a quería.
E por tanto cando cheguei xa estaba no cadaleito, cos olliños pechados, foi a primeira vez que a morte se achegaba tanto a min, fun para detrás do palleiro e chorei como nunca chorara, tiven a impresión que en algún sitio ela me estaba escoitando e díxenlle mil veces que a quería.
Sendo un home pragmático eu sei que ela non me escoitaba, estaba morta… É ben, iso dóeme aínda agora… Non sei se aprendín algo ou non pero a verdade é que ignoramos o presente por un futuro que de contado é pasado.
]]>
Vacacións na Terriña, malditas vacacións, maldita memoria e maldito entendemento que che fai calar cando en realidade tes vontade de berrar alto e forte, tanto as alegrías como as penas que che van entrando cando te atopas no medio da terra que te viu nacer pero que o fai todo para que te vaias esquecendo. Difícil de entender, ¿non é?
Este ano atopeime con xente que me veu ver, xente que me veu cumprimentar, xente que torceu os ollos ao verme e xente que xa non me coñecía, tamén atopei xente que eu non recoñecín, os estragos do tempo non deixan no seu sitio nin as pedras.
O día de Nosa Señora fun a “sesión vermuth” (antes bailas da misa), unha restra de lembranzas estrañas viñeron invadir o meu maxín e observei como extasiado a mestura de pasado con presente como se foran imaxes que sobrepós en transparente e que mesturan cores e brilos facéndoche un rico « entramado » que é incomprensible para os que nunca viviron as túas experiencias pero tan crariño para ti que fuches actor, activo ou pasivo, do acontecer que che marabilla.

Estando en estes encrucilladas intelectuais, sentín unha man pesada que se pousou no meu ombreiro, cando rexín para ver quen era decateime que era Indalecio do Sarillo, que facía uns trinta anos que non vía pero que recoñecín de contado, era cuspidiño a seu avó cando eu era neno.
Deille un abrazo e case non puiden conter a compostura lembrando as trangalladas que fixemos xuntos cando mociños.
– ¿E logo que, Miudo? ¡canto tempo!
– Pois xa ves Sarillo. Tirando pola burra.
Instintivamente fómonos indo cara o chiringuito do Barrigas e pedimos uns cubatas, de ron, como facíamos de aquelas.
Falamos de Enrique de Antón, que era da miña quinta e xa fai uns anos que morreu e, de fío en agulla, tamén falamos de Manolo dos Caseiros que morrera en un accidente.
Contoume que esa morte fíxolle mudar todos os seus esquemas.
– ¿E iso?
– Pois mira ti ¿lémbraste das discusións que tíñamos cando ti viñas da Coruña coa cabeza chea de paxaros, falándome de non sei que merda de revolución e todas esas trangalladas?
– ¡Home! Eran cousas da historia, eu recoñezo que daba medo coas miñas ideas na época pero tamén tes que recoñecer que ti eras un reaccionario de carallo.
– Pois xustamente, agora recoñezo que tiñas moita razón.
Aloulado fiquei con o que viña de escoitar, fiquei serio ollando para el e supoño que puxen cara de parvo e o Sarillo continuou explicando.
– ¡Mira ti o que é a vida! Sempre votei para a dereita, até militaba cos do PP facendo as campañas porque me parecía que eran os que mellor miraban por nos…
– ¿Sabes? eu sempre fun teu amigo a pesar das diferencias ideolóxicas porque ti eras un home de palabra e valente (interrompín eu)
– Pois o día do accidente de Manolo dos Caseiros lembreime moito de ti e acendeu como unha luz na miña mioleira.
– ¡Vaia home! Dixen eu con un aire curioso e mostrando as miñas ansias por coñecer as razóns de tamaña metamorfoses política no peito de aquel home.
– ¡Si home! ¡Mira! ¿Ti xa sabes que foi o rapaz do Rabelo que bateu con el cando viña polo Tarroal co tractor?
– Si, si, xa mo dixeron.
– Eu ben sei que foi un accidente que lle pasa a calquera e non sei de quen é a culpa. O feito é que o Caseiro viña no coche co seu fillo e este viuno morrer esmagado. A noticia estendeuse e a xente toda da parroquia acudiu cara o lugar do accidente xuntándose unha boa morea de curiosos…
– Non era para menos, dadas as circunstancias, dixen eu.
– Seguro que non, pero alí, vendo aquel drama, decateime de canto esta sociedade está podre polo carto, pola codicia humana e pola estupidez que nos cega e que nos fai cada vez mais inhumanos.

Abraiado estaba ficando eu, non daba creto ao que estaba escoitando da parte de un home de 54 anos, intimamente convencido de que a salvación do mundo estaba nos valores esenciais do mercado, virme con un discurso de isa índole, cousas vin en esta vida, pero iso faltábame por vivir.
– Non entendo que ten que ver a morte do Caseiro co teu cambio de estratexia política tan espontáneo.
– ¡Déixame rematar home, que sempre fuches un inquedo!
– Perdoa, prosigue.
– Pois maxina a situación: o Caseiro estaba morto no coche, algúns tentaban de sacalo de entre as latas, o rapaz ca cabeza baixa, sen se decatar aínda do que lle acontecía, alguén tentaba de localizar as fillas e a viúva estaba completamente soa arrimada a un carballo e… ¿a que non sabes a quen lle ían dar a man e compadecerse moitos veciños? ¿Calquera diría que a viúva, non?
Parou un pouco, como para coller folgos e respirar e proseguiu visiblemente emocionado:
– Pois non, meu amigo, ían todos darlle a man ao Rabelo e moitos dos paifoques dicían para el: Oes, se che fan falla cartos, conta comigo eh. Se viras en ese momento que noxo me entrou. Non porque lle vaian dar a man ao home que é humano pero que nen sequera teñan unha palabra de agarimo e de compasión para a familia do defunto, resultoume insoportable e dígoche que aquela noite non puiden pechar ollo.
En un xesto instintivo, vendo a honestidade e escoitando aquelas verbas manifestamente saidas do corazón, toqueille o lombo a modo de calmante e deille esa mirada que resume mil palabras do que un sinte. El proseguía:
– O Rabelo daba as gracias e dicía: ¡Non home, de esta habemos de saír! ¿Que ía dicir el? Non cabe dúbida que cada un ten que defenderse el amais a súa familia, pero se non coñecera eu diría que o morto era o seu pai e que a viúva era unha asasina.

Indalecio estaba moi emocionado e pouco a pouco foise calmando.
– Isto aínda non llo contei a ninguén e alégrome de poder falalo contigo porque sei que entendes a miña cólera.
– ¡Sabes que si! Dixen eu mentres el remataba
– Despois de asistir a iso, de alí a dous días vin ao rapaz do Rabelo guiando no tractor coma un piloto de fórmula un, como se a morte de un home fose un trofeo a colgar na parede… ¡Putos cartos de merda!…
Mentres dicía iso as unllas espetábanselle na palma da man e Carme de Boiro veume saudar, a orquestra tocaba unha pachanga e o mundo continuaba de andar arredor.
– Vémonos Indalecio.
– ¡Si Chucho, non marches sen vir a verme!
Nota: por razóns que o estimado lector comprenderá, non era Indalecio do Sarillo (nome ficticio) nin tampoco se trata de buscar culpables ou inocentes en este drama, é so dar parte de ista conversa comigo e secadra até soñei o que aquí relato… estas ideas anarquistas van rematar comigo.
]]>
Arranxando uns papeliños hoxe de mañá atopei unha tarxeta de visita do Dr. Estanislas Papadorostos, experto en psicoloxía comportamental e sofroloxía da ausencia.
A asociación de ideas asaltoume e, de un xeito automático, pensei en Lucy.
Como eu son analfabeto en cores, direivos que Lucy era abrancazada, na miña familia dicían que era gris clariño con un colar branco.
Aló polos 8 anos da miña filla, o noso amigo Noia, tiña a Lucy en unha gaiola no seu balcón. Era mansa con un ollar clariño.
Cando iamos cear na casa de Noia, el tirábaa para o salón, pousábaa enriba do chineiro da cociña, arritaba o dedo e Lucy víñase pousar en el.
A miña filla sempre adorou os animais, está chea de compaixón e de tenrura pola bichería, agás as arañas que non as pode ver; non paraba de pedirme que lle mercara unha rula coma Lucy.
Vendo Noia tanta insistencia, regaloulle o raio da rula á miña filla, trouxémola para a nosa casa, instalámola no noso balcón e toda a familia se divertía a ensinarlle cousas.
Cando todo mundo se deitaba, eu adicábame a poñer unha mingalla de pan nos beizos e chamar por Lucy para que ma viñera pillar.
Armeille unha gaiola digna da reina das rulas, ben illada para que nas noites a xeada non lle paralizara aquelas patiñas que parecían tan delicadas e ben espazosa para que puidese abrir as ás.
Nas noites de verán, despois de cear, íame sentar no balcón, eu amais Lucy intercambiabamos as nosas miradas, unha relación de confianza instalouse de tal xeito que rematei por abrirlle a porta da gaiola, ela viña voar arredor de min sen arredarse moito, ao entender o seu nome viña lixeira ao meu carón coma nunca fixera ningún cristián.
Pasou un inverno, unha primavera, un verán, outro inverno e, no mes de marzo, un macho un pouco mais gris escuro, gallardo e co peito erguido empezou a rondar a gaiola de Lucy entoando un rurú apaixonado.
Entón, en un reflexo de inconsciencia celosa e egoísta, eu xa non lle abría a porta da gaiola, cando quería desfrutar de eses momentos privilexiados que nos enrolaban, collía con xeitiño na man, levaba para a cociña e deleitábame facéndolle coller o pan da miña boca unha e outra vez.
O raio do rulo, non paraba de rular e pasaba de mais en mais tempo rondando a gaiola de Lucy, rematou por escoller domicilio no loureiro que medraba a carón, de tal xeito que o puxo perdido facendo as súas necesidades vitais.
Eu escoitaba aquel rurú insistente día tras día que me roía a alma, intentaba facer humor coa insistencia de aquel rulo namorado, pero no fondo eu era cruel e desapiadado porque presentía o desenlace e dábame conta no meu interior que estaba contra a natureza.
Eu intuía o desexo de Lucy e a chamada desesperante de aquel ser que reclamaba o seu dereito a fundar unha familia con o ser amado.
Os veciños empezaron a cansarse da parada ruidosa do namorado dende ben cedo de mañá.

Un domingo, estando ocupado na limpeza da gaiola e o cambio de auga, alguén me chamou ao teléfono e acudín a responder esquecendo a porta da gaiola aberta e o que tiña que ocorrer ocorreu, Lucy aproveitou para fuxir, voando, facendo reviravoltas e brincando con o desgraciado ese que tanto rulaba no meu balcón.
Os dous consideraron axeitado de establecerse en outro sitio e nunca mais volver.
Mentres eu tentaba á desesperada de berrar:
– ¡Lucy, Lucy!
Lucy non me fixo caso, eu deime conta que tiña as unllas espetadas na palma das mans e os ollos mollados. A miña Lucy fuxía para ser feliz.
Perante moito tempo deixei a gaiola aberta, con comida e auga, coa esperanza que aquel aposto galán non se ocupase ben de ela e que volvese a min abatida, pedindo perdón, co peteiro abaixado. Eu soñaba con ser magnánimo e perdoarlle ofrecéndolle unha boa mingalla de pan nos meus labios.

Pero os días pasaban, eu escrutaba o ceo tentando adiviñala un día pousada en un chopo da rúa, rematei por desmontar a gaiola porque toda a paxarada aproveitaba para virse abastecer no alpiste de Lucy e poñían o balcón perdido.
Pasado algún tempo, invitei a comer a Marina, unha psicóloga amiga miña, e, como quen non quere a cousa, faleille de Lucy. Marina escoitoume con moito interese e, sen tocar o tema para nada, estendeume a tarxeta do seu profesor Estanislas Papadorostos aconsellándome pedir vez.
Ao chegar á casa pousei a tarxeta, nunca o chamei porque considero que sempre será mais barato de mercar unha gaiola, meterlle un pouco de alpiste dentro e esperar que un día calquera unha rula, das que me ven comer o repolo cada ano, entre na gaiola.

Isto non impide que secadra teña necesidade de deitarme no diván do psiquiatra porque sufro de algunha de esas taras psicosomáticas ou como raios se chamen.
Mentres espero decidir de curarme de ese trauma dou en pensar que, deixando a porta da gaiola aberta, pode ser que liberei Lucy das súas cadeas e encerreina no meu corazón para sempre.
Nas tardes tranquilas dos domingos, déitome no meu xardín e intento adiviñar no ceo o rebulir de Lucy con o seu galán. Os meus ollos non poden ver cara dentro ¡magoa!
]]>
in illo tempore Amaro Erguiuse cedo, cos primeiros foguetes da mañán. Tiña que ir a procura de algúns canivetes para recuperar as resistentes amarrallas que tiña. Era un traballo divertido e útil, a sua avoa usaba as amarrallas para coser os zocos.

Os zocos da avoa tiñan 20 anos, o pai de Amarao facía o fondo de freixo ou abeneiro, cumpría facelos de paus que non tiveran frebas, historia de non escachar coa primiera pedra que atopasen e a avoa, coa subela, arranxaba a peza cando rachaba. As amarrallas dos canivetes que ian atados a cana dos foguetes untadas coa pez que Delores manufacturaba coa resina extraida de unha fenda nos piñeiros na primavera, eran adecuadas para coser os zocos, albardas, e outros arreos de coiro.

Era o 13 de xunio, dia de San Antón, ese día o crego non facía romaría eran almiñas devotas que se ofrecían ao Santo coa espranza de sanar de algunha doenza, buscarlle maromo á moza que xa tardaba en atopar, e outras necesidades. A seguridade social da época nin sequera era a do PP e os santos resultaban mais baratos, as prestacións médicas e sociais que o Santo dispensaba parecían mais adaptadas a época. Sempre o noso santiño escoitaba sin resollar as plegarias dos seus devotos, era un santo de pau que nunca daba unha palabra mais alta que outra, tiña unha humildade e un talante sin falla para escoitar aos nosos paisaniños e eso que algún levaría con xustiza unha boa patada no cu. Pero non é o obxeto hoxe falar do santo propiamente dito, senón do día, o dia de San Antoniño.
Ese día Amaro non collíu moitos canivetes, voltoua a casa con un rendimento medio de 3 canivete por hora, o que é pouco con respeito a outros anos. Dende que fora para os frades, Amaro xa non era o que era, estaba sempre afuciñado en libros raros. Un día Manolo do Marico que era o primeiro da aldea que fixo carreira decatouse de que estaba lendo o Decamerón e faloulle a seu pai con moito aprome:
– Está ben que o rapaz lea pero o Decamerón é algo forte para a sua idade.
O pai de Amaro, que lle era moi acreedor de respecto e admiración a Manolo do Marico, quíxolle guindar co raio da obra de Boccaccio pero Manolo salvouno in extremix do lume purificador decíndolle que tampouco era para tanto.
Aló contra o por do sol, Amaro foi afeitar os catro peliños que lle empezaban a salir no quiexo, o deixar de ser imberbe requería ese aseo suplementario.
Tiña que poñerse bo mozo, esta noite, con un pouco de sorte, viñan as mozas de toda a parroquia de Freixeiro e había unha que lle interesaba, facía tempo que non a vía e botaba de menos.
Logo de merendar un carolo de broa e unhas xoubas en aceite, Amaro foi chamar Enrique dos Agüeiros para ir a romaría. Amaro ía con un pantalón de cuadros que xa lle ía ficando axustado de mais pero que ainda podía tirar uns meses, unha camisa de liño que lle trouxera seu padriño de New York, non é que fora unha combinación perfecta de cores e formas como para que as rapazas cairan rendidas ante el, pero a competencia non era moi ruda, no que a vestuario se refería, e contaba de suplir esa carrencia indumentaria con alguns contos que aprendera no colexio.
Xa facía algún tempo que Amaro deixara de xogar na romaría á queda amais a recuperar moscas zapateiras das bestas dos de castriz no pallal da Pardiña para meterllas por debaixo das saias as rapazas. Agora empezaba a interesarse polas mozas pero a vontade non ía, por forza, acompañada de unha extratexia ben definida e estructurada.
O caso é que presentouse no rueiro da festa coas mans nos petos, andando con xeitiño e remexendo as moedas valoradas en 600 reás que sua avoa lle tiña dado ademais de un billete de 20 pesos, encargándolle ben que, se podía, non as descambiase porque o diñeiro dende que se descambia desaparece como fiascas de palla.
Arrimouse a unha taberna ode estaba seu primo Arturo e iste ofreciulle un Kas de laranxa. Procuraba copiar os ademáns de seu primo bebendo e apoiando o cóbado esquerdo no mostrador e a cabeza ben ergueita, con aire de estar controlando o ambiente, para tentar de parecer mais vello que do que era.

Ainda non rematara o Kas que a sua mirada foi literalmente obrigada a dirixirse a un punto concreto, unha mociña camiñaba collida ao brazo de unha amiga, falándolle cousas ao oído. Diriase que era unha boneca de esas que vendían nas tendas da señora que falaba castelán en Santa Comba. Tiña unha tal gracia no andar, un tal donaire no semblante, uns olliños saltóns e penetrantes e unha xestual nas manciñas que deixaba inútiles as palabras. El xa a tiña visto na misa moitas veces pero nunca se atreviu a falarlle. Dende que lle viña ao sentido a vontade de dirixirse a ela, unha man invisible tiraba por el cara tras e parecía que alguén, aló no seu interior, lle decía:
– ¡Para quieto bormeludo! ¿ou xa non te lembras cando, de pequena che botou a língua fora e cando se riron de ti porque a miraches como un pasmón?
Pero ese día bendito de San Antón, Amaro púxose farruco con o seu propio medo e dende que o torreiro se foi inchendo de xente que xa lle pareciu que ninguén o controlaba, axustou a chaqueta aos ombreiros, paou a man polo pelo, respirou profundamente, botou un sinal da cruz interior e xogou a primeira baza.
Foi achegándose a ela, ollando para outro lado, coma quen non quera a cousa e, dende que os Vencedores de Montouto empezaron a tocar o « Kasachós », foi direito a ela e pediulle para bailar.
– ¡Ola Olinda!
– ¡Ola Amaro!
Vendo que Olinda se acordaba do seu nome, dou un paso atrás e perdiu os modos por un momento
– ¿E logo lémbraste do meu nome?
– Ti es moi coñecido aló no noso lugar, fai un tempo pasei por diante da de Pura e estabas alí, hai unha que está interesada en ti, ¿queres que cha presente?
– Agora o que quero é bailar contigo.
Olinda botou os braziños cara el e apousounos docemente nas clavículas de Amaro, el sentiu o peso de varias toneladas no seu peito e o pulso colliu tal carreira que o sangue parecía sairse nas voltas das veas. Ela ollou para el con olliños a medio abrir e acaroou o seu corpiño ao de Amaro, que sentiu en un instante un estremecemento lixeiro pero intenso. Amaro non podía dar creto ao que estaba vivindo, tal vertixe lle entrou que perdiu o paso da Yenka, os dous non ouvían música de ningunha parte, perante un ápice de tempo Amaro sentiu dentro de si a batalla de Troia, o seu corpo era en ese instante o escenario do Decamerón todo enteiro. Sentiuse un pouco culpable que desexara en ese momento a fin do mundo para que aquela imaxe dos libros da sua infancia ficase amalloada a el.

¿Quen pode definir o que pasa dentro de un rapaz que ven de vivir o feito transcendente de bailar a primeira peza con todos os retratos, dibuxos e caricaturas que viu en todos os libros donde tales imaxes estaban impresas? Eu non sería capaz dende logo, é preciso vivir esa experiencia imposible para poder transmitila con fidelidade, síntes alas nos teus pes tal psicopompo acompañado almas perdidas cara o seu destino póstumo, un aire quente asopra no teu pescozo e tes a impresión que transpiras sangue, o mundo ao teu redor desaparece e un abismo de inseguridade indúceche o vertixe do noviciado, unha sensación de abandono atenázache as frebas dos músculos, comprendes en un soio instante porque se reza aos benaventurados que esperan a vida eterna en un certeiro edén.
O paraíso ten que ser eso, un instante na tua vida que é, en si mesmo, unha eternidade.
Olinda deixábase morrer con unha mestura de temores de que pasara o que viña de pasar: que a sacara a bailar aquel pasmón que a miraba con ollos de can mallado pero que era tan misterioso, que tiña ganas de rirse de el e, sobor de todo, de rir con el. Ela notaba coma que as pernas lle desfallecían, quería levarlle o paso pero a verdade era que Amaro era torpe, ainda así ela era feliz e sentía como unhas protuberancias que, segundo lle ensinaron na escola, estoupaban na superficie solar a millóns de graos de temperatura, bulir por toda a surperficie do seu corpo.

O corpo de Amaro, ainda que bailaba como un elefante amarrado a cadea do circo, era para ela un abrigo contra o mundo, sin que as verbas viñeran alodar ese momento máxico, deixou que el a apretara con docura, con suavidade, Os Vencedores non tocaban seguramente un slow pero, para eles, outra música celestial soaba aló dentro e un zume fluia, coma nos vellos carballos do Baladoiro, dende a mais fonda e distante raiz ate a póla mais outa do bico.
Bailaron toda a noite e, sin case decatarse, ao fin da noite xa coordinaban os seus pasos, xa Amaro non era tan torpe, xa Olinda pensaba que, mirando ben, non era tan mal amañado o raio de Amaro.
As poucas palabras que se dixeron foron para eludir o que era evidente, coma se de un pecado se tratase, no descanso el atreviuse a pedirlle un paseo, ela acediu e camiñaron ate a casa de, Deus llo perdone, A Chia. Cando pasaron pola de Añón, o Tiketike de Malvarez veu pedirlle un pitillo a Amaro pero Amaro non o tiña e el marchóu decíndolles:
– ¿ides ás ervellas?
– ¿porque non vas a merda, Tiketike do carallo? (díxolle amaro, enfadado e amiazador)
Ninguén, se non fose o feito que Amariño do Maneiro estivo con unha moza, poido saber o grande feito histórico que en aqueles momentos pasou entre eses dous seres, minúsculos pero únicos no mundo e sobre todo para eles mesmos. Todo pasou por telepatía, por xestos tenros e apousados, apretóns apenas perceptibles en un brazo, rozamentos ao camiñar, leves achégadas de faceiriñas e doces estrinxidas, leves pero intensas de un corpo contra o outro.
De este xeito, calquera que os observara diría que eran duas crías que estaban alí porque estaban todos, que perderan a noite mirando un para o outro coma dous periquiños que se fregan o peteiro sin resolver nada. Nada mais lonxe da realidade, en ese San Antón construiuse unha obra faraónica nas almas cándidas dos dous anxeliños.
Con estas emocións, Olinda e Amaro decatáronse apenas que Os Vencedores anunciaban a derradeira peza e a garda civil empezaba a mandar pechar os tarecos. As veciñas e irmáns de Olinda viñérona chamar para tocar retreta.

Amaro pediulle a Olinda se a podía acompañar, esto era antes de sair da luz, antes de aventurarse nos carreiros estreitos que, de noite e sin candea, Amaro non coñecía, pero a intención estaba, algo era algo. Emprenderon o camiño e tiveron que pasar o rio da Balsa, non había ponte e tíñase que ir de pedra en pedra, cando chegaron ao último pasadoiro, Amaro collíuna polo van con agarimo e con xeitiño, coma quen agarra unha moneca de cera, apretouna lixeiramente e apousouna coma se pousa un astronauta en ingravidade lunar, como un deseño animado en cámara lenta ou como unha hostia se deposita con devoción no sagrario.
Amaro camiñaba con Olinda coma se estivesen en unha de esas histórias do Decamerón, soñaba que ero o príncipe que ía desflorar a princesa, o cabaleiro andante coa sua dulcinea que ía desafiar os xigantes amiazantes que axitaban seus brazos aos catro ventos. Eso era no soño, porque na realidade, dende que pasaron a derredeira casa de Vilamaior, a medida que as pedras do camiño eran descoñecidas e encancaba na rodeira do carro, o camiño estreitábase, a maldita noite negaba un resollo de craridade, a lua denegaba a prestarlle siquera un fio de luz e as estrelas, coquetas e bulronas, estabana aló arriba para se faceren ver por seres marabillados, non para alumear os camiños dos namorados.
Amaro quixera ser mariñeiro e perderse no ancho mar con Olinda, polo menos serviriase das estrelas como guieiros, pero na terra firme, loitando con silvas dos valados que parecían querer tremar de el para ofrecelo como condenado a santa compaña, con xestas que semellaban monstruos dibuxados no horizonte e con toxos que, sin mincalla de piedade, viñan invadir o território en un carreiro de atallos que cada vez estreitábanse mais e mais como para avisalo que agora non lle farían nada porque os veciños de Olinda levaban foques pero alí estaban para apreixalo ao volver, no suposto caso que atopara o camiño de volta.
O pobre de Amaro pasou o mal trago da sua vida e tivo que comer o propio orgullo, non é que xa non o tivera feito en moitas ocasións pero alí derrúmbabase diante da Reina dos Libros, diante da luz dos seus ollos e tivo medo que apenas alumeada, para sempre se apagara. Así que, cando despois de combatir consigo mesmo, coma un león, procurando que Olinda non se decatase de ese combate sin cuartel entre o medo a ser comido do lobo, a prudéncia do ser intelixente contra a imprudéncia do amante, resolviu tomar unha decisión porque tiña que ser así, botou de conta que, se daba volta, tería mais ocasións de estar con Olinda pero se, pola contra, se perdía no monte bravo e o comía o lobo ou caía na poza do Carballoso, non a vería mais na vida. Triste consolación pero de repente, coma quen queima os barcos, doulle un biquiño na faceira a Olinda e dou volta para que ela non o poñese ante a evidencia da sua pusilanimidade.

Tempos despois, falando con unha persoa de mais edade que presenciara no seu día estas lides, Amaro manifestou o seu pesar por non terse deixado comer do lobo aquel día. A debandita persoa, como para exocisar os seus diabos aseguroulle:
– Pois mira ti, aquel día todos fixemos apostas de canto tardarías en dar volta, ninguén pensou que chegarías ao Tarroal, ¡e chegaches!
Aqui remata este episodio da vida de Olinda e Amaro. ¿valeríalle de algo a Amaro o evitar o lobo aquel día de San Antón? ¿comeríao o lobo outro día? ¿E Olinda soñou, ao caer nos brazos de morfeo, na sua cama, con Amaro ou con o lobo do maxín de Amaro? Haberá que investigar para tirar a luz o destino verdadeiro de estes dous seres. ¡Xa veremos!
]]>
Amariño tiña 6 anos, era un neno coa cabeza chea de paxariños.
Todo lle interesaba, en especial a natureza, as volvoretas que, coma tolas, andaban de un sitio para outro. Nunca comprendiu porque voaban sin rumbo aparente, nunca en liña dereita, á deriva…
Xa ía coas vacas, cando non tiña escola, seu pai nunca quixo que fallara, tivo sorte, os seus veciños ían chamar nas vacas moito e pouco a escola. Era despistado: un día pasou a tarde a correr tras de un carrizo. Os carrizos eran moi astutos, voaban pequenas distancias e apousaban. Amariño, pensando que estaban cansos e que logo non terían azos para voar, corria de un lado para outro ate que non lle cabía a alma no corpo a el. Entretido como estaba por coller o carrizo, non se dou conta que as vacas fuxiron e fóronlle comer medio ferrado de trigo aos Chapurros, menos mal que se levaban ben coa casa, pero da tiradura de orellas non se librou.
Labregos curtidos e axudas nos labores.
O pai de Amariño era un home traballador, duro e correoso coma unha pioga, era un gadañeiro respectado e apreciado na parroquia, e mesmo fora de ela, chamábano sempre para coller na herba seca. Amariño ía con el moitas veces, entretíñase e escoitaba atento a conversa dos homes, sempre contaban contos misteriosos e, como el era discreto e tímido, ninguén se decataba da sua presencia, falaban libremente diante de el, o que lle permitía disipar dúbidas sobor de preguntas substanciais da vida que lle interpelaban.
Un día seu pai foi chamado para a herba de Abelardo do Cardenal e Amariño foi con el, colliu un carabullo ao lombo, que maxinaba unha gadaña, e marchaba peito inchado ao carón do pai coma un alferez, intentando que seu pai satisfacera a sua sede de saber.
– ¡Oes papá! ¿porqué os carneiros ten cornos e as ovellas non?
Ao pai doulle a risa pero, a verdade era que el nunca se fixo esa pregunta.
– Supoño que será porque os carneiros ten que turrar uns nos outros.
– E logo ¿porqué os carneiros ten que turrar uns nos outros?.
– Por mor das ovellas meu fillo, por mor das ovellas…
Amariño viu que seu pai xiraba darredor da cuestión e desistiu de seguir interrogando.
Cando chegaron a casa do Cardenal, entraron na eira, o sol despuntaba pola Illa e unha brisa mainiña daba conta da brétema que ainda deixaba uns farrapiños nas brañas.
Saiu Maripepa a porta a recibilos
– ¡Vaia oh! eche boa verdade que os da veira da igrexa, son os últimos a chegar a misa. Entrade, entrade que Abelardo foi axudar aos do Quinto que lles está parindo unha vaca.
Os cruces de miradas que marcan

Amariño reparou en unha nena de, mais ou menos, a sua edade, sentada no chan, que acariñaba un gatiño pequeno no regazo, ela ollaba para el con curiosidade, el, en un xesto de nerviosismo, limpou a nariz con a manga da sua chaqueta de pana, ela erguiuse con unha habilidade desconcertante, botoulle a língua fora e botou a correr, desaparecendo cara a horta co gatiño pendurado debaixo do brazo.
O quero e non quero
Cando Maripepa veu traer o chiculate aos gadañeiros e Amaro foi incher o corno da pedra de afiar de auga ao rego mentras seu pai espetaba a zafra para picar a gadaña e logo sentouse preto del.
Maripepa extendiu unha cunca de chiculate cara Olinda.
– ¡Ala! Olindiña, dalle esta cunquiña ao neno.
Olinda colliu a cunca de mala gana e case lla batiu a Amariño, botándolle a língua fora de novo, pero esta vez con un leve sorriso de complicidade ou de intriga, quizais do feito que Amaro ollaba para ela con cara de pasmón, os movementos bruscos e desairados de Olinda, intrigábano. Ela posuía un relente de reveldía e de viveza de espíritu que desorientaba o seu pequeno entender, Amaro era apousado, interesado polos pequenos detalles, precisaba de tempo para reaxir, partía das pequenas cousas como punto de referencia para chegar ao infindo. Olinda era inqueda, comprendia as cousas globalmente, precisaba de tomar as distancias para poder ver o detalle.
Petar na porta do corazón
A mediodía, para matar o tempo, intuíndo quizais as miradas que de esguello Amaro lle lanzaba a Olinda, Anxelito da Caseta brincaba con el.

– Oes Maneiro, o teu rapaz moito mira para a filla do Cardenal, vai ter que preparar a dote!
Todos se botaron a rir e Amaro, sentíndose descuberto, procuraba un canto onde refuxiar a sua mirada, as faceiras vermellas coma as ascuas da lareira… e mais cando lle dixo:
– O día menos pensado, venche petar na porta.
Amaro agochouse detras de seu pai e as risas ainda foron mais contundentes. Sentiu estoupar o peito cando Olinda se ría tamén mentres daba unha volta facendo que a saia lle dera un remosco darredor da cintura. Amaro quería morrer. Olinda veu ao seu carón e doulle suavemente unha lapada na cara, dou media vota co mesmo donaire con que facía todo o que facía.
Despois de merendar, Amaro, de volta a casa, falaba con seu pai mentras camiñaba, ainda non reposto das emocións que viña de vivir.
– ¿A que edade se vai petar na porta as mozas?
Seu pai mirouno de riba abaixo e mexou a cabeza.
– ¡Válgame deus!
A escola, un paso á frente.
No primeiro domingo de septembro, Amaro foi a festa a casa de Sua avoa e, como era tarde cando a familia regresou, ficou a dormir sendo o seu primo mais vello que o traía cando viña para a escola ó outro día.
A madriña de Amaro veuno buscar un pouco tarde e a mestra fíxeo sentar no banco de diante onde estaban os mais pequenos. Como Amaro cumplia os sete anos no mes de octubro do ano a seguir, ainda non tiña dereito a comenzar aquel ano escolar e prestoulle un libriño para que se entretera.
Ante o interés que Amaro poñía nas leucións que a maestra impartía, cando veu sua madriña, ela preguntoulle se quería ficar e ir para a casa ao mediodía cos outros rapaces ao rematar a escola, a madriña aceptou e así se fixo.
Ao rematar a escola pola tarde, Maruxa do Caseiro que era a maior da escola, veu a casa falar con o pai de Amaro.
– Dixo a mestra que mañán, se quere vostede, Amaro veña a escola e que lle merque unha pizarra, un pizarrillo e un parvulito dende que sexa posible.
O pai de Amaro saiu de noite, con a luz de carburo, buscar o material a cas do Ferreiro de Bazar, e para o outro día o coitado do Amaro, que tanto amaba a liberdade, víase confrontado a primeira responsabilidade social da sua vida, renunciar a correr tras das volvoretas e dos carrizos para encarrillar a sua instrucción.
As consecuencias das emocións fortes

Perante varios anos, en todos os dibuxos e imaxes do libros da escola, no maxín de Amaro via a representación de Olinda. « La vaquera de la Finojosa », Helena de Troia, Cleopatra, a Virxe María, Rebeca, Marie Curie, Rosalía, Inés de Castro…
Amaro non esquenciu nunca aquel día, é posible que se mil anos vivira, mil anos lembraría, e mesmo cando xa esquencera que ollos tiña Olinda, lembraría ese aceno, que para el non fora de desprecio senón unha chamada íntima, a lingua fora e a lapadiña doce na cara…
]]>
12.06.2008 | 18:25
Coma a perruqueira de Arcade, eu tamén escribín un libriño unha vez e saiume moi chusquiño, unha novela desas que siguen os cánones editados polos que entenden de escribir novelas.
Traballou conmigo en certa ocasión un velliño dos que naceu no mal momento, no mal sítio e aínda por enriba púxose do lado dos malos (os republicanos) que tivo que sair pitando e despois caiulle enriba a ocupación e meteuse a pasar xudeos para a Suiza. Ousexa que xa vos podedes maxinar… Pero o caso é que entendía de literatura e dicíame sempre que para facer unha novela había que seguir un fío para que o lector non se perdese, enmarañala ben enmarañada e darlle ao sarillo canto máis mellor, despois había que desenmarañala e darlle un final que fose sorpresivo para que a xente lle ficase xusto unha pisca de dúbida. Aconselloume tamén humanizar ao máximo os personaxes para que os lectores (se os tivese) se sentisen identificados…. coma Home rico, home pringao, Dallas… (dallas ti que eu téñolle medo) e Dinastía… (a dinastía do clan Charlín… ¿ou era da señora Win?)
E como eu sempre estiven moi impresionado cos novelistas: Corín Tellado, Camilo José Cela…. O Camilo gostoume moito, non lin nada del porque a lectura nunca me gustou… A nosa mestra sempre me daba croques na caixa encefálica porque pasaba o tempo mirando para as pernas de Clarisa do Pexegueiro, que boa estaba a condanada!… Un dia estando coas vacas na Pallegueira de Riba, amostreille a pirola mentras lle propoñía un canivete e case me deixa tolleito para a vida con unha patada, que muller máis basta… era boniteira pero bruta coma un arado americano… ¿Por onde ía? Ai si! A mestra sempre me dicía que, de seguir facendo o parvo, ía rematar de albanel en Alemaña na vez de ser un home de proveito. Enganouse de país pero no resto acertou, tiven que ir de peón a Suíza… De todos xeitos adoro Camilo porque disque escribía en isolino (coma min)… ou era propiamente en castelán, non sei, pouco importa para o caso da miña novela.

Pois fixen unha novela que falaba dun pringado, non dicía que era eu pero, en realidade era eu só que contaba a miña historia, pero un pouco… bastante embelecida, ¿A quen lle interesa a puta historia dun aldeano que remata coma peón en Suíza? ¿Que cousas me ían pasar de interesantes? Eu non sei vos, pero a quen lle conte a miña vida, ás dúas frases vai sacudir a man esquerda cos dedos apiñocados cara arriba (como fan os italianos) e dicirme: e a min que carallo me importa a túa vida, merdán pretencioso do carallo!! Así que inventei tanto que, para rematar, non era a miña vida para nada. Só fixen unha referencia mental para non perder o famoso fío da maraña. A maraña estouna perdendo agora, imos ver… esquezamos todo e voltemos ao rego!… Escribín a puta novela como puiden, corrixina mil veces, até lla dei a corrixir a un medio pirado que en vez de ir xogar a partida coma todo mundo ao Centro Galego, estaba sempre lendo libros de Castelao e baballadas polo estilo, vamos que era un marxinal, todos lle berraban aos nenos cando se acercaban a el… dígovos de todo corazón que metía medo… mesmo asemellaba un etarra… Pero entendía moito de galego de tanto estar afociñado cara a biblioteca e funlle pedir un día, que non había moita xente no bar, que ma corrixira, pagueille unhas tazas polo traballo que esa xente non se lles pode pagar moito, non cho agradecen nada.
A todo isto non vos dixen que antes de a escribir, viñera un deses progres galegos de chaquetiña de pana (Felipe González puxera de moda nos 80’s) a dar unhas « charlas » ao centro galego (pagaba a Xunta, boa vaca leiteira por certo) e díxonos que existían medios postos a disposición da emigración para promover e desenvolver a produción cultural. Arrimeime a el dende que rematou (non pagou nin palillo, moito palique pero andou toda a noite de moca) pero cando lle dixen que tiña o proxecto de escribir unha novela, miroume de arriba abaixo incrédulo (é normal teño unha pinta de asilvestrado que calquera me cree capaz de escribir un renglón de cousa que teña xeito) e para sacarme de diante, doume os datos dun tal Pepe (un que disque é moi coñecido no mundo editorial). Chamei ao tal Pepe e tratoume con moita diplomacia ao teléfono, díxome que lle levara o texto, se llo podía meter en disqueta mellor, pero eu daquelas só tiña unha máquina de escribir de esas mecánicas que ma regalou a patroa da pensión cando lle mercou a computadora ao fillo… e leveille o texto pasado a máquina en folios reglamentarios e « tutti quanti ».. Tratamos o acordado ou acordamos o tratado que tanto ten e díxome que eu empezaba pagando a impresión da primeira tirada e se se vendía, que a cousa da imprenta andaba fodida… e en galego non tiña moito saida, podía que me dese o 10% da segunda edición. Non se pode ser esixente se se quere trunfar na vida…
Todo emocionado, nas vacacións de verán leveina para Galiza, e pouseina enriba da artesa de miña nai mentras ía de urxencias a farmacia de Santa Comba para mercar uns supositorios, na viaxe atacoume unha forriqueira de mil demos… Cando vin non atopei o carallo dos folios en ninguha parte, miña nai levara a metade para a cociña dos animais que fixeron aí na cuadra (que é como se chama agora a corte das vacas) para encender o lume polas mañáns pero non lle podo ter rigor a miña nai que a coitada é analfabeta e, como calquera parvo entende, un analfabeto é o que non sabe ler, até miña nai, que é analfabeta, sabe o que é un analfabeto pero, por desgracia, non entendía a importancia capital que a novela tiña para que o seu fillo fose tan famoso coma Vitorino das Caselas que foi de frade para Barcelona e estudou química, agora da clases non sei en que prestixiosa institución do Opus.
Cando miña nai me estaba explicando isto, mentres lle poñía lume cun misto a unha manchea de folios, o meu pai saiu do excusado que ten alí na cuadra (que ven sendo a corte das vacas en moderno), case sempre utilizan o da cuadra (que é… xo o dixen dúas veces polo menos…) porque o da casa teno ben limpiño e con papel fino para cando veñen miñas cuñadas da Coruña que non lles caga o cu noutro lado, con tantas moscas non me extraña calquera pon o cu ao aire na cuadra (que é a corte…) Acórdome cando eu me casei que aínda tíñamos a corte vella (no lugar da cuadra) e tiñan que ir mexar entre as vacas… non nos rimos diante delas pero despois… non foron mexar en tres dias unha até se tivo que ir mirar da vexiga (¿ou chamarase bexiga? que agora invadiume a dúbida) Tendes que perdoar pero a mestra tiña razón, pola culpa das pernas de Clarisa do Pexegueiro, etc, etc…
Pois nesto que saiu meu pai amalloando nos pantalóns do retrete da cuadra (que é a… ) e berraba con miña nai de este xeito: Consuelo, mecajon..piiiiiii, moito traballo é vivir con semellante ignorante… Eu neste intre pensei: mira ti como meu pai presentiu que queimar a novela do seu fillo era un crime desastroso (cando menos podía ser calificado de desastroso) Pero pronto voltei á realidade cando meu pai proseguía coa súa rústica prosa… Cantas veces che teño que decir que este papel estraga o cu todo, este papel non val pra limpar o cu, entéraste atontada!!
En efecto a miña nai colleu a metade, para os que seguiron ben o meu exhaustivo resume decatáronse que falo da mitade resultante entre o total da novela e a metade que miña nai metiu para encender o lume polas mañáns ¿entendéchedes? Pois miña nai querida, que como queda ilustrado é unha analfabeta (xa resulta empalagoso) e fixoo sen ter concencia do horrible acto que estaba comentendo (circunstancia atenuante onde as haxa), furou a metade dos folios que resultou da operación cunha sobela nun cantiño, atoulle unha amarralla e colgouno no retrete da cuadra (…) coa excusa que a cooperativa, que é unha cova de ladróns (o fillo do presidente fíxose con tres solares por arte de maxia nos terreos da cooperativa, pero iso é outra historia),… na devandita cooperativa o papel hixiénico subira 2 pesos (daquelas aínda existían as pesetas e para miña nai 40 reás eran 40 reás que daban para adquirir polo menos un par de amalloas para os zocos).

Pois para rematar, que as boas cousas tamén teñen un final… visto que facer unha novela que non le nin a túa nai, que teu pai pensa que non val nin para limpar o cu… mellor deixalo e dedicarme ao meu, bater masa as paredes, encofrar pilares, poñer un gorro ruso para tapar as orellas que cando ven a brisa do norte caénche a cachos, escaquearme detras dunha parede con unha tabla chea de carabillos na man esquerda e un martelo de encofrar na dereita para facer que un traballa cando o capataz aparece de repente.
Aproveito para decir solemnemente que algúns capataces son uns grandes Larpeiros, vendidos ao capital e… e… e…
Eduardo paseaba coa mirada espetada no infindo do mar coma se quixera ver mais alá do océano o que viron os antigos corsarios, os moitos que intentaron, e por veces até conseguiron, conquistar este cacho de terra. Terra afostigada polas ondas que, por veces, até chegan aló arriba ao centro galego e o goberno ten que evacuar a cidade para efectuar as angueiras de desbarro.
Ao seu carón, Yazmina arrastra os pes, con un bulso de charol, unhas alpargatas de esparto, unha saia marela, cortiña « ma non troppo ». Non se din moitas cousas, veñen de se coñecer.
Eduardo e Yazmina, ten tanto que se contar pero non se contan mais que mentiras, os dous están fora de lugar, perdidos, el frustrado de un vello amor fracasado, frustrada ela da ausencia de amor.
Eduardo cóntalle torpemente un chiste malo, ela ri con donaire, coma se tivera gracia.
Como o vento sopraba forte e, no estoupido das ondas do mar a medio enfurecer, algunhas pingueiras de escuma viñan refrescar livianamente as caras dos dous namorados que ainda non sabían que estaban namorados, ou secadra non era amor ese ruido que lles inundaba a mioleira .
– ¿Viches o filme de Titanic?

– ¡No, mi amol!
De un brinco, Eduardo plantóuse na cima do malecón e extendiu a man cara Yazmina.
– ¡Ven non teñas medo! ¡eu aseguro en ti!
Yazmina dudou un instante, non coñecía ben aquel home, ¿e se a deixaba cair no mar? pero con a curiosidade do que Eduardo lle proporía colliu a man, apretou forte e deixóuse erguer ate a altura del.
El pediulle que se puxera cara o mar e pechara os ollos con os brazos en cruz, mentras el coladiño a ela collía pola cintura. Así estiveron cinco minutos e Yazmina sentiu contra ela toda esa virilidade e esa forza suave que tremaba do seu corpo mentras escoitaba susurrar a doce voz de aquel home, aparentemente embrutecido pero con unha alma extremamente sensible, contándolle unha cena do Titanic.

Cando baixaron, continuaron andando e sin decir nada durante media hora, ela estaba desorientada e non podía dar creto ao que lle aconteciu nos brazos de aquel home, por un instante viuse verdadeiramente en un buque pirata surcando o mar con ese vento salgado que acariñaba o seu rostro; ainda ningún home lle tiña feito unha impresión tan agradable e extraña que lle conturbara tanto o xuízo.
Como a noite ia paseniñamente extendendo o seu manto, pasaron por diante da discoteca Amanecer e Eduardo preguntóulle se xa tiña entrado, ante a negativa, convidouna, sin esperar sequera o seu consentimento, tirou de carteira e pediulle duas entradas a porteira.
– ¡Son 15 dólares mi amol!

Na pista ateigada de turistas, cadanseu coa sua xinetera, Eduardo e Yazmina sentáronse en un curruncho.
Eduardo contáballe a berros como eran as discotecas en Europa e ela, sin compreder a mitade do que el lle explicaba, facía como se estivera moi interesada, cando botaron un slow, el colliuna da manciña e alí na beira, para non perder o sitio, Yazmina arrimou a cabeza no ombro de Eduardo e pechou os ollos para procurar aquela sensación que tivera no malecón.
Cando a peza rematou, ao voltar a sentarse, Eduardo aproximou os seus beizos dos de Yazmina, sin rozalos apenas e non se atreviu a concluir o que escomenzara, logo tentou de novo, ela non se movía, non facía xesto ningún e el, ao terceiro intento, espetou a sua boca na boca de ela. Eduardo douse conta que estaba completamente ríxida e unha bagoa veulle mollar a faceira.
Yazmina esvaiuse pour un momento e arrecadou toda a humidade do mar no seu corpo, sentiu que o estómago lle roia as entrañas e o peito daba un estalo incontible facendo inútil todo esforzo por voltar a realidade. Sentíu por primeira vez un palpitar debaixo da saia e temiu que tivera unha pérda; non entendía esa estrana sensación e agarrouse forte en Eduardo para non caer.
Despois de varios mojitos, Ela foi acompañar Eduardo a pensións de Doña Alzira. Déronse un bico apaixoado e Eduardo atreviuse a pasarlle a man pola entreperna decatándose da humidade que fluía a raudales.
– Até mañan Yazmina.
– Asta mañana mi amol.
Doña Alzira, ao entrar Eduardo, saiu de detrás das cortinas onde estaba a espreita e propúxolle presentarlle, para o outro día unha sua sobriña, ben católica e formal, que se vía a todas luces que esa « pendeja » que o acompañaba era unha xinetera. Aconsellóulle que se arredara de ela, eran malas, malas, malas… as xineteras, contrariamente as sobriñas católicas.
Na mañán do sábado, Eduardo saiu da pensión, atravesou o patio con un andar lixeiro coma se temera que Yazmina non estivera alí, pero estaba e el suspirou profundamente. Pouco lle importaba a el que fose xinetera ou non, desexaba profundamente e estaba coma cego por estreitala no seu regazo.
Yazmina propúxolle de alugar un apartamento a filla do seu xefe que estaba disposta a ir morar na casa do pai unha temporada por 50 dólares por dia. Eduardo ollaba para ela e asintíu sin discusión, aceptaría calquera cousa en ese momento, estaba toleando de paixón, perdera todo xuízo de situación.

Deambularon pola vila vella, comeron na Bodeguita del Medio, mercaron catro chilindradas, unha botella de ron e un paquete de coca-colas na tenda do Hotel Sevilla, no Paseo del Prado frente ao lugar de traballo de Yazmina. A media tarde foron tomar posesión do seu niño de amor.
Cando o xefe de Yazmina lle entregou as chaves, cobrou o aluguer por adiantado e decatouse que a sua presencia sobraba, deixou a parella de tórtolos confrontados ao momento crucial onde unha decisión importante tería que ser tomada sin mediar palabra.
Eduardo, para non ter que comenzar explicacións foise dar unha ducha, ela comprendiu de contado que se debía espir, e meterse debaixo das sabas, vellas e gastadas pero limpiñas, gardando as braguiñas e o sostén con unha sorte de pudor e medo ao que presentía que tiña que ser.
Eduardo apagou a lus, como se el mesmo fixera eso por primeira vez, as apalpadas meteuse na cama e notou que Yazmina estaba completamente envolveita na saba e tremaba como unha corra.
– Muller, non fai falla que disimules, eu comprendo.
Ao tentar de lle dar un bico decatouse que Yazmina tiña o rostro mollado.
– ¿Que pasa, non me digas que tes medo?
– ¡Es que… yo nunca lo he hecho!
– ¿¡Non me fodas!?
– Pero logo ¿non es unha puta?
– es que…
– ¡non, non e non, a min non me toques o carallo! esas monsergas fai tempo que non mas sirven.
Yazmina erguiuse e colliu a saia para bestila, chorando coma unha magdalena e visiblemente ferida.
Eduardo botando un brinco collina da man.

– Espera, ¡corazón!
Ainda non lle chamara coraón a ninguén antes.
– Falamos, ¿vale?
Ela sentouse limpando co revés da muñeca o seu rostro mollado.
– ¿e logo,por qué fas esto?
– no sé que me dió, las chicas de mi barrio tienen todas una grabadora y yo quisiera comprar una pero cuesta mucho, ellas me dijeron que si me acostaba con los turistas pronto ganaría para una.
Eduardo ficou calado un instante e sentiu como a escitación sexual, que sentía até o de agora, desaparecía mentras Yazmina suspiraba e tremeba acurrucada ao seu carón.
– ¿Pero es virxe?
– ¡Si, mi amol!
– ¡Manda carallo na Habana! e deulle a risa, que intentou conter, pero como Yazmina era intelixente e o seu difunto pai tamén era « gallego » pois tamén riu entre saloucos acordándose dos « carallos » que pimentaban cada frase que o seu pai decía.
– Pois non teñas medo, non teño a intención de facerche mal, durme aquí se queres.
Eduardo ficou coma quen lle da unha somanta de hostias, aloulado e sin saber que facer, pensou na sua muller e nos seus fillos e, pouco a pouco, sentiu que Yazmina respiraba fondo e destendido, durmía con toda a sua inocéncia. Abrazouna e tamén se durmiu.
As primeiras frechas do sol nacente, viñeron acariñar os ollos de Eduardo que empezou penosamente a abrir, Yazmina estaba mirando para el, envolta na saba e co sorriso na faciana. Dóulle un bico e apretóuse contra el buscando eliminar toda burbulla de aire que se podera atopar entre os dous.
– ¡Yo te hayo bello!
Eduardo foi tirando amodiño, con parsimonia, pola saba facéndoa escorregar por entre aqueles corpos que escomenzaban a verter unha suor quente e salgada.

O sostén e a braga de Yasmina cairon o chan e, ondeando cadrís coma unha culebra a raiola de unha pedra fervida polo sol, Yazmina buscou con ardor o corpo de Eduardo e dando un xemido lixeiro pero profundo aceptou dentro do seu corpo a laparada do amor. Un fio de sangue corriu polas pernas de Eduardo e non se moviu, aguantou a inmensa presión que aquela callentura lle provocaba, con unha impulsión, case doente, por apretar Yazmina con todas as suas forzas.
Yazmina botou un berro de pracer mentras sentía como unha sustancia rara, ainda mais quente que a sua fevre, lle inundaba as entrañas coma o rio desbordante de corrente e nos seus miolos bulía un mundo de cousas estranas.
Despois de beber e beber nas fontes de prazer durante os cinco días que a Eduardo lle ficaban na Habana, chegou o momento dos adeuses, Yazmina choraba no taxi que os conducía a José Martí, choraba no mostrador de facturación, choraba mentras lle decía adeus…
Cando Eduardo estaba pasando aduana, ela díxolle:
– Espera unos segundos..
Foise correndo a librería e mercou un pequeno libriño de poemas, o primeiro que lle veu a man dada a urxéncia.
Eduardo doulle un longo abrazo e soio a ceibou cando o rosmar dos outros pasaxeiros aos que estorbaba o paso se facía teimoso.
Yazmina non paraba de verter bágos e mais bágoas metras via o seu amado alonxarse, recuperar o seu destino.
Xa no ar, Eduardo púxose a ler o libriño que Yazmina lle regalara de José Angel Buesa e, ao cabo de un pouco, sinte como lle tocan delicadamente un ombreiro e, con unha voz doce e baixiña coma para non romper un instante máxico, a azafata exténdelle unha servilleta.
– Duele, pero… ¡es tan lindo!

Despois de un tempo, Eduardo quixo saber de Yazmina e enterouse que renunciara ao seu proxecto de ser xinetera, voltara coa sua familia, retomara os seus estudos e era licenciada en educación cívica na sua terra do interior.
Ainda hoxe, anos despois de este acontecer, Eduardo, nas noites calmas e frescas da primaveira, deixando que un baso de ron lle queime a gorxa na terraza da sua casa, pecha os ollos e soña que Yazmina lle di ao ouvido:
– ¡Mi amol, tu mulatita te espera!

Hei de chorar sin bágoas duro pranto
polas pombas de luz aferrolladas,
polo esprito vencido baixo a noite
da libertá prostituída.
As espadas penduran silandeiras
coma unha chuvia fría diante os ollos
e teño que chorar na sombra fuxidía
diste pútrido vento
que arromba a lealtá e pon cadeas
no corazón dos homes xenerosos.
Pois que somente os ollos me deixaron
para chorar por iles longos ríos,
hei navegar periplos, descubertas
por tempos que han de vir cheos de escumas,
por onde o día nasce,
alí onde xermola o mundo novo.
Pois que o que chora vive, iremos indo;
indo, chorando, andando,
salvaxe voz que ha de trocarse en ira,
en coitelo de berros i alboradas
para rubir ao cumio dos aldraxes.
Celso Emilio Ferreiro
A integración

Lelo estaba preocupado, Che maría non daba vido e o tren para Camagüey estaba para sair.
– Onde se meteria ese desgraciado.
Indalecio tiña un pano apretado no narís, o andén estaba abarrotado de mundo, o leve vento traía, dun xeito parsimonioso, o fume tercamente cara eles deixando caer unha chuvia, a cortar ca navalla, de pó de carbón.
Xa empezaban as bielas a bulir e a locomotora a bufar para tomar carreira cando o nerviosismo desenfrenado se apoderaba de Lelo preocupado pola tardanza de Che María.
Indalecio subiu como pudo e reclamoulle pola xenela os baules:
– ¡Pero haber homiño! Dame eses bultos e sube, non vas esperar ahí plantado.
– Eu sen meu irmán e sen Armando non vou a ningunha parte.
– ¡Mala centella vos coma, a ti amais ao raio de teu irmán! Súbeme os meus bultos logo e que vos parta un raio.
Os empregados do ferrocarril empezaban a empurrar a xente que se aproximaba de mais aos vagóns para permitir a saída da estación e, para tranquilidade de Lelo, Che María amais Armando chegaban correndo. De este xeito lograron subir cando xa a velocidade do monstro de aceiro obrigaba a correr polo andén.
Xa instalados, os catro compañeiros, mentres envolvían uns cigarros, empezaron a falar ilusionados por chegar a Cienfuegos, dicía Armando:
– ¿E logo, Indalecio, ti pensas que o teu parente terá algo para nos?
– ¡Home!, eu non che podo asegurar nada, haberá que ver cando cheguemos pero, de todos xeitos, a vida que levabas vos na Habana, coa lei de vagos e sen cédula de traballo, non vos era moi axeitada. Malo será que non atopedes algo.
Par matar o tempo, mentres o tren avanzaba lentamente pola exuberante campiña cubana, botaron unhas partida de cartas falando de todo un pouco:
– Ollade para meu irmán Lelo que aposto che está con ese chaleco raiado. Mesmo parece un marqués. Costoulle deixar os zocos pero vai mellorando
– As veces un ten sorte, o levar unha talla menos que o patrón do Galego, a muller doulle os traxes – dixo Armando- Os primeiriños pesos que gane serán para mercarme un, este xa está gastado, anque ten un valor sentimental, mercoumo meu pai para cando dixera a primeira misa e tivo que vender un boi.
Botáronse todos a rir.
Simpatía

Cando chegaron a aldea de Simpatía, estaban desfeitos e cansados. Fulgencio, que os foi buscar co carro de mulas a estación de Abreus, axudoulles a baixar as huchas e tróuxolles unhas cadeiras para que se sentaran a sombra de unha palmeira diante da casa de Roberto do Coxo que emigrara facía uns anos e facía de capataz nas carboeiras
– ¿Así que vos sodes os fillos do Codeso de Recarei? Ti emítaslle moito, dixo sinalando a Lelo. ¿E logo ti de quen es? , falando para Armando.
– A min non me coñece, eu son de Pontevedra, viñemos xuntos no barco e xa non nos separamos.
– Moi ben, falou Roberto, mañán pola mañán lévovos comigo para as Carboeiras e falo co Patrón, así que agora ide bañarvos ao rio e descansade que se ides con esa cara non vos colle, dades mágoa.
O patrón das Carboeiras, dou unha volta arredor do grupo no medio de un grande silencio, acariñando a barba. Logo fixo un sinal coa cabeza a Roberto e foron para a cabana para volver en uns minutos.
– Eu teño traballo para un, as cousas non van moi ben, pero despois de escoitar a Roberto, vouvos dar traballo aos tres por caridade. dous pesos por día, descontando 10 por mes pola pousada. Empezades luns a saída do sol.
Non sendo moita a paga, para quen nunca tiña visto un salario, era extraordinario.
Que ven os milicos.

Herminio do Sabelo, corría polo camiño do Platanal coma un tolo berrando:
– ¡Escapade todos! Os militares veñen cara aquí. Deixaron a Loma cuberta de cadáveres.
Os mais vellos do lugar colleron o que podían transportar ao lombo e escabulláronse de presa na devesa, os novos fixeron o mesmo vendo que algo ía pasar sen saber o porqué.
Fulgencio, sen ollar para tras, convidada aos nosos amigos a seguilo porque sabía de un currucho onde el construíra uns abrigos con escórea de carbón e terra para agocharse na perspectiva de unha tal situación.
Unha vez que todos estaban dentro da guarida e que ían tomando folgos, este explicou para eles:
– O noso presidente, o xeneral Gerardo Machado, que foi elixido no ano 25, ao termo do seu mandato, en 1929, pediu ao parlamento unha prolongación extraordinaria para combater aos anarquistas que se revolven porque consideran que Machado é un ditador. A táctica principal dos insurrectos é de asasinar aos seus achegados. A cada vez que hai un asasinato, os soldados fan batidas, coa escusa de buscar os rebeldes, e a miúdo váiselles a man matando a quen atopen.
Armando, visiblemente interesado polo asunto, pregunta:
– ¿E logo porque marchamos coas cousas?
– Porque se non nos atopan, ten por costume de poñerlle o lume as barracas.
A vida no monte

Prieta, a criada negra, era a única representante, agás a súa filla Cándida, do pobo feminino no campamento dos carboeiros.
Sendo o derradeiro sábado do mes, Prieta veu cobrar os 50 centavos que cada un lle pagaba por mes por lavar a roupa cada semana. O capataz pagáballe un peso por día por barrer as cabanas, limpar as latrinas e facer de comer para os 25 obreiros que conformaban a cuadrilla.
Roberto do Coxo, era o único que se podía permitir unha parrocha nas prominentes náguedas de Prieta sen que ela lle remangase un lapote, por iso, o feito que Roberto se deixaba caer pola cabana de Prieta para rescaldar as pernas nas fresquiñas noites cubanas era un segredo a berros.
Anque ela non falaba da súa vida privada, os rumores dicían que o seu home era un tal Camorro que morara no antigo barrio escravo de Cumanayagua abdicándose a cultura e elaboración do tabaco en condicións infrahumanas até que foi encadeado polos axentes de Machado. Logrou fuxir do presidio na confusión de unha mutinería pero, estando intensamente buscado, andaba agochado pola Serra de Escambray.
Che María, decidiu de ir celebrar o primeiro salario da súa vida (48 pesos) a Abreus, limpou os zapatos, comproulle por 10 centavos un frasco de colonia que Cándida fabricaba con flores aromáticas e subiu, todo endomingado, para o carro de Fulgencio.
Lelo decidiu ficar na barraca, alegando que se atopaba canso pero, en realidade, a súa preocupación era a de aforrar o mais posible. Algo lle dicía que, sendo o fillo mais vello do Codeso, mais tarde ou mais cedo, tería que tomar as rendas da casa e era mais axeitado volver con catro pesos no peto que pelado de todo.
Nas aforas de Abreus, centos de obreiros dos Platanais, dos campos de tabaco e cortadores de cana, afluían cara os quilombos que contribuían de xeito importante na fluidez de «capitais». O ron corría a regos polas gorxas de estes rudos traballadores mentres unhas mans finas e cariñosas se paseaban polos pelos dos seus peitos dando una sensación de benestar, anque comprado, apreciable cando a vida é tan cruel.
Che María sentouse en unha cadeira en un currucho do abarrotado e fumeante local, pediulle un puro e un vaso de ron a señorita lixeira de roupas e con plumas por todo que o trataba de «cabaleiro»
Unha mulatiña con unhas pestanas de dous centímetros, pasou dando un remosco ao seu arredor e pasando a longa unlla do índice da man dereita polo peito baixando suavemente cara a barriga:
– ¿Que fai un mozo tan aposto coma ti sen compañía?
Che maría non podía articular palabra. Tiña os ollos coma pratos coa vista cravada no escote de aquelas dúas froitas que pelexaban por saír da roupa no peito da moza:
– ¡Oi, caramba! Un tímido. ¿non che gustaría pasar uns momentos agradábeis bañándote comigo? Por so 12 pesos, lévote ao paraíso.
Che maría, en ese momento, contentábase con un bo inferno e sen dicir nin si nin non, meteu a man ao peto para procurar os 12 pesos:
– ¿Non serás mudo, verdade? Dixo a mulata.
Mentres se deleitaba ollando as pernas coa perspectiva marabillosa que lle ofrecía a subida das escadas camiño do cuarto, o corazón batallaba con rabia bombeando sangue a gargallóns para encher de forza o seu membro viril que, tal boi aguilloado tirando do carro de toxo, semellaba fungar tentando romper os botóns da petrina.
En chegando ao cuarto, a profesional, comeza a desabotoarlle a camisa en tanto frega o seu corpo contra el. Un caudaloso rego de suor escorre abundantemente mollando a roupa e fica teso coma un abeneiro sen atreverse a mover nada. Dende que estivera na cama de Xusta, non vivira outra experiencia semellante. Con Xusta non era a mesma cousa, a luz estaba apagada e espíase no medio das sabas de liño.
Inda non metera o pe esquerdo en aquel enorme balde de auga morna que a moza lle acariñou as partes nobres e Che María perdeu os estribos deixando a súa materia branquexada nas mans da «pamplemusa»:
– ¿non me digas que é a primeira vez? Dixo ela.
– ¡non muller!, dixo el evitando a súa mirada e baixando a vista en sinal de vergoña.
– ¡Non pasa nada chico! agora vas perder esa tensión no medio de esta auga perfumada. Ven que asemellas precisar unhas batidas. Dixo a rapaza en medio de unha forte risa.
Despois de queimar a gorxa con uns abundantes tragos de ron e distenderse nos brazos de aquela descoñecida, Che María colleuna nos brazos, arrebolouna no catre do fondo do cuarto con unha mestura de violencia e dozura que case desorientou a profesional que Zumira era.
Mentres o seu corpo navegaba en un vaivén acompasado, penetrando con forza en aquela mazá colorada que facilitaba a faena con deleitación e, até se podía dicir, que non simulaba aqueles xemidos que a cada investida ela emitía, Che María pechou os ollos e pensou fortemente en Xusta, coa rabia de maxinala nos brazos de Chucho do Zoqueiro cada noite e que ela, secadra, tamén xemía, non poido reprimir uns empurróns un tanto bestiais, coma se a quixera castigar, que remataron en un orgasmo turbulento.
O domingo, despois de asistir a misa e de saborear o xantar especial de quinbonbó e güiabas que Prieta amais Cándida prepararon, como era habitual, marcharon para Simpatía onde se xuntaban os de Xallas e Val do Dubra que cortaban a cana en toda a comarca para festexar xuntos e intercambiar informacións que uns e outros recibían da Patria. Organizaban partidas de cartas, xogaban o pulso practicaban a loita aos mandos, tendo así a sensación que estaban coas vacas nas curtiñas de Recarei.
Como facía falla un que ficase para gardar o campamento, Lelo ofreceuse voluntario e dixo mentres marchaban os outros:
– ¡Non esquezades de preguntar se alguén ten unto para facermos un caldo!
A Inocencia e a modestia

Lelo foise sentar ao pe de unha árbore a beira do camiño, rompeu unha poliña e meteuna na boca, puxo o sombreiro enriba da cara e púxose a soñar coa Agra de Baixo, co Cotarelo, co Agro de Negreira, cos arrós da Devesa de Arriba…
Estaba xa coqueteando con Morfeo, cando veu enturbar o seu soño Prieta que lle pediu se podía subir á arbore para lle coller unhas follas e unhas flores en un cesto de aro que ela lle tendeu.
– Ti es unha meiga, Prieta ¿para que andas recollendo tantas herbas e tantas follas?
– Moito criticar o que eu fago pero cando levades un golpe ou tedes asma ben que recorredes á meiga para que vos faga unha compresa ou vos dea un remedio.
Mentres Lelo recollía as follas e as flores que Prieta lle ía indicando, ela proseguía explicando:
– Esta árbore, amor meu, é a Moringa. Perante moito tempo foi a Árbore da Vida, a Árbore Milagreira para os escravos que gardaban celosamente as propiedades das súas follas, dos seus froitos e até das súas raíces.
Conta a lenda que as súas nabiñas foron introducidas polos escravos vidos da África.
Os amos non se explicaban que, a pesares das malleiras, dos malos tratos e da mala nutrición, os escravos se conservaran fortes e en boa saúde, curando, case milagrosamente, as feridas dos ferros nas canelas e a maior parte das doenzas que facían estragos entre a poboación branca.
Os nosos antergos ensináronos que as follas da Moringa, e as vainas, cando se toman regularmente, alimentan o corpo coas vitaminas necesarias. Sirve tamén como remedio preventivo contra certas enfermidades.
Se non fose polos meus remedios, a Roberto matábao a asma.
A modo de precaución para protexer os segredos das fórmulas dos seus remedios, Prieta, advertiu:
– Pero moito coidadiño, mal feitos, os meus remedios tamén te poden matar.
De súpeto, a conversa foi interrompida por uns berros que viñan dos lavadoiros do regacho, era Cándida pedindo auxilio. Lelo votouse a correr cara onde viñan as chamadas con Prieta que o seguía torpemente e, en chegando, sufocado, viu a filla de Prieta, caída polo chan, coa roupa rachada e os brazos machucados. Sen pensalo, sacou a camisa e botoulla por riba para agochar as súas partes que ficaron ao descuberto dado que a saia fora arrincada.
Prieta caeu de xeonllos ao pe da nena e preguntou con rabia:
– Miña ruliña ¿Que che fixeron? ¿quen foi o fillo de mala nai?
A rapaza saloucando, repetía unha e outra vez, como se se quixera librar de unha culpa, da culpa da inocencia:
– ¡Nada, mamá, nada! Ninguén me fixo nada.
Lelo colleu Cándida nos brazos con xeito e levouna para a cabana, deitouna na súa cama e deixouna a soas con Prieta saíndo e pechando a porta, respectuoso do momento que adiviñaba grave.
Ao por do sol, cando os obreiros comezaban a chegar, cantando e coas mentes ben dispostas pola alegría que da o ron engulido en Simpatía, Lelo achegouse a cabana de Prieta para preocuparse polo estado da moza. Prieta tirou por el para dentro e pechou a porta, mandouno sentar en un tallo ao pe da cama onde as dúas negras durmían e dixo para el:
– Leliño, meu neno, mira, pola nai que te pariu, pídoche que gardes o segredo do que pasou.
De entrada, Lelo non estaba de acordo, reivindicaba o dereito de saber quen fora o mal nacido que lle tiña feito tanto mal a Cándida para que os compañeiros o castigaran como se merecía, pero Lela aseguroulle que non fora ninguén dos traballadores de Roberto, que ela o coñecía e que non ía ficar impune cando Camorro, o pai de Cándida se enterase.
Despois de prometer que gardaría o segredo, Lelo dirixiuse ao pallal de canas do medio do poboado que servía de comedor para atoparse con seu irmán que viña de chegar con Armando e Indalecio, que ao velo chegar, díxolle:
– Mira ti o zamurdo de meu irmán, porque ficou aquí todo o domingo, mentres nos imos pagar as pamplemusas a Abreus, el ferrella na Prieta… ¿Canto che cobrou?
Lelo doulle unha cotelada no cocote a Che María e sacou a petaca para ofrecer tabaco:
– Fumade un cigarro e calade que mañán non ides ser tan valentes metendo cachopas nas carboeiras.
– ¡Noites de lobo, mañáns de año! Dixo Aramando.
Ollos de mel

Cándida, con aquela mirada do canto do ollo, cos aquel pelo crecho, coas suas perniñas ben dereitas, cintura estreita e peitiños que se adiviñaban soltos debaixo da chambra floreada, presentouse na porta da caseta donde moraban os catro amigos:
– Lelo, Mama Prieta dixo se podías vir, que che quere dicir unha cousa.
– Dille que vou de contado, estou rematando de coser unha bota.
– Ten presa, dixo a moza.
Indalecio, chiscándolle o ollo aos outros, díxolle:
– ¡Veña oh! Esas cousas non se poden deixar para mais adiante. Xa che remato eu de coser a bota.
Una risa xeneral desatouse e Lelo, contrariado, saíu da cabana cara a de Prieta.
Chegando alí, dado que Lelo coñecía a situación de Cándida, pediulle se el podía acompañar Cándida cando ía a fonte. A rapaza estaba traumatizada e non quería ir soa pola devesa.
Lelo, ficou un instante pensativo, ollou para Cándida e cando as miradas se atoparon, ela torceu a cara mentres tentaba agochar o meniña no canto dos ollos, xuntando as mans como suplicándolle que aceitase.
En certas ocasións, en uns breves instantes, un fluxo de millóns de informacións circulan entre un emisor e un receptor e, sen mediar parola, concluísense acordos tácitos entre dous seres do contido dos cales nin eles mesmos son conscientes.Lelo prometeu de facer o que lle pedían e Cándida, sorriu polo baixo e doulle unha mirada de agradecemento, colleu o balde amais a mulida para a cabeza e saíu cara a fonte dando saltiños e cantando:
El cariño que te tengo
Yo no lo puedo negar
Se me sale la babita
Yo no lo puedo evitar
Limpia el camino de pajas
Que yo me quiero sentar
En aquel tronco que veo
Y así no puedo llegar
Entrando na devesa, Cándida esperou por Lelo que camiñaba atrás de ela:
– ¿Ti tes noiva en España? Díxolle.
– ¿Por que? ¿estás interesada? Respondeu el preguntando.
– Era por saber, eu non teño ninguén. Pero os homes sodes malos como di Mamá Prieta. Continuou ela.
– Non podes medir a todos coa mesma vara. ¿Non me queres dicir quen foi o que te atacou o outro día? Tentou saber Lelo.
– Era un Mulato dos canaveirais, eu non o coñezo pero ten a cara marcada a machete e, cando llo dixen a miña nai, ela dixo que fora meu pai que lla marcara. Quen sabe, ao mellor, a hora que é xa está morto. Meu pai veu a noite pasada falar con Mama Prieta.
Aquela noite, Lelo non conciliou o sono até a media noite, a figura esvelta de Cándida enmeigou o seu espírito e, ao erguerse pola mañán, constatou que o seu corpo respondera a chamada da natureza deixando unha grande mancha na saba.
Sindicalismo primario

Nas carboeiras, o traballo era moi duro e, despois das derradeiras folgas dos traballadores na prensa de cana, a baixa produción de ron obrigou aos industriais do sector a aumentar a man de obra para satisfacer a demanda exterior. De ese xeito varios traballadores marcharon para Yaguanabo cortar cana por 4 pesos por día.
Un día, mentres se abrigaban de unha tormenta tropical, Indalecio do Médico decía:
– Isto non é vida, así non pode ser. Levamos xa un ano aquí e non afforramos case nada, traballamos coma escravos por dúas perras. O irmán de meu cuñado anda buscando socios para montar unha telleira e a min paréceme que non é mala idea, o carbón para os fornos non está lonxe e hai centos de barreiras nos arredores. Eu vou ir traballar con el.
Armando concordaba con Indalecio:
– Ten razón, o outro día en Abreus, vin a un de Ponteceso que anda apañando café en Mayarí e dixo que ganaba 4 pesos e 50 centavos por día. Ademais ten un sindicato e fan so 48 horas por semana.
– Eu tamén escoitei dicir que por alí hai problemas cos escapados da Serra de Escambray que por veces sáenlle ao camiño nos dias de paga e sácanlle os cartos. Dixo Che María.
– Pode ser certo pero non hai que facer moito caso a esas conversas, os patróns fan correr rumores para desprestixiar os anarquistas. Argumentou Armando.
Roberto, que no apreciaba moito a conversa, aproveitou que a choiva rematou para recalcar que se non se metían ao traballo con mais ánimo aínda ían gañar menos.
Aquel venres, dous homes canarios e un asturiano que levaban ao menos 10 anos alí marcharon para Ranchuelo, xa na provincia de Santa Clara cortar na cana e un dos Chios de Freixeiro foi para Palmira para o amaño da estrada de Cienfuegos a Santa Clara. Até o contable marchou para a planta de secado de café de Manicaragua, o que motivou que Roberto tivo que botar man de Armando, que era o único que entendía de contas, oferta que el aceptou a cambio de un salario de 120 pesos por mes e un aumento para os seus tres amigos de peso e medio por día.
O primeiro domingo de setembro, día de nosa señora pequena, ficaron de xuntarse os emigrantes da comarca procedentes de Vilamaior en Simpatía. Até o alcalde de Abreus asistiu, houbo misa solemne dita por un frade de Paredes e despois baile.
Cándida morría por poder asistir , tivo que Lelo rogarlle a súa nai que a deixase e logrouno baixo a promesa que lla traería antes da media noite. Nunca tiña asistido a unha tal festividade e andaba por todo, observando, sobre todo, os traxes que traían algunhas señoras. Até se divertiu cando un home con unha prominente barriga e uns longos bigotes lle ordenou de lle traer un batido de ron pensando que era unha das serventas do bar, ela foillo buscar, parecíalle natural despois de pasar os seus 16 anos obedecendo.
As 11 da noite, Lelo, colleuna por un brazo e lembroulle que tiña que volver para a cabana, ela colgóuselle no pescozo toda melódica e díxolle:
– Veña Lelo, ven bailar esta cumbia e despois xa imos.
– ¡Pois so unha peza eh! Asentiu el, coma se estiver contrariado, pero que non nos vexan moito os outros que despois rumorean.
– Non te preocupes, con o «jalaos» que están non se decatan
A orquestra tocaba:
Una chica enamorada
al novio con ilusión
Le decía muy apurada
bésame en este rincón.
El novio le dijo espera
deja que pase la gente
Que miradas callejeras
son miradas imprudentes
Que miradas callejeras, mi amor,
son miradas imprudentes.
Como quieres que te bese, mi amor
si la gente está mirando de allí
Esperemos un momento mejor
para poder besarte así,
así, así, así.. ieeeechaa!
Así, así…¡dale cintura a esa mulata,
Compay!
¡suéltala, suéltala.
E o amor aconteceu

Polo camiño, Cándida camiñaba de ganchete con Lelo e cantaba
bésame en este rincón… bésame en este rincón.
Ao chegaren a Lomilla do Cerro, colleron o atallo da Veredita, Lelo colleuna pola talla para pasar o valado e ela doulle un bico poñéndolle os brazos arredor do pescozo.
Lelo que xa non as tiña todas consigo dende facía tempo pero que reprimía os sentimentos deixouse ir e levouna no colo ate o pé da árbore andante e pousouna con xeitiño, deitouse na súa beira e deixou que ela o acariñase con tenrura.
O seu peito parecía un batá en una noite de sentaría, o corazón desbocouse e o cerebro recibía miles de descargas eléctricas, xa non era dono do seu propio ser.
Co medo de magoala nas raíces da árbore, axustouse debaixo de ela. Ela arrincoulle literalmente os tirantes do pantalón e, coa destreza que o instinto ofrece en momentos de forte callentura, Cándida guiou o obxecto do desexo de Lelo cara o seu interior, tentando de reprimir un alarido cando sentiu aquela mestura de dor e de inmenso pracer.
Tanta era a intensidade do momento que, ningún dos dous se decatou que unha mestura de sangue e de secreción baronil se derramou con abundancia por eles delatando sen paliativos o acto pecaminoso.
Debido a grande fatiga que causa tal acto, Cándida caeu rendida sobre el e el abrazouna con agarimo de tal xeito que, de novo, en algúns minutos, ela sentiu a excitación de lelo contra a súa barriga e renovou o acto que, esta vez xa mais pousados, os dous amantes prolongaron un largo momento e sentiron aquelo que ningún dos dous sentiron nunca nin, moi probablemente, volverían a sentir con tanta intensidade.
Estenuados, collidos da man, emprenderon o camiño cara o poboado sen falar, facendo altos para que Lelo bicara aqueles carnosos labios que tantas veces soñara e que lle semellaba, aínda agora, un soño do cal non quería espertar.
Cándida, antes de entrar na cabana, doulle un derradeiro bico, fregando o seu corpo mollado de suor, ao agoche do luar debaixo do pórche e dicíndolle:
– ¡Até mañán! E polo baixiño: – ¡Quérote!
– Eu tamén, dixo el xa de costas.
Lelo deitouse no seu xergón de pallas e pensou:
– ¡Se meu pai me vira! ¡Con unha negra!
Novas da Terriña.

O domingo, a saída da misa que oficiaba, como cada domingo, o frade de Paredes, este repartía o correo que el traia de Abreus.
Antes de comer, todos os que recibiran carta arremuiñábanse arredor de Armando que oficiaba de lector oficial.
Primeiro, Armando leu a que recibiu Indalecio do Médico de súa irmán Maria das Dores:
– Meu querido irmán, Saberás que Mipá está na cama, e tose moito, Mimá chora todo o tempo, e todos te botamos moito de menos…
Se puideras mandarnos uns poucos cartos para poder mercar uns remedios moi bos que venden en Carballo estaríamos moi agradecidos..
Polo demais, saberás que o outro día vin da feira canda Lena do Codeso e faloume do seu Lelo, díxome que era o da casa e que non lle estarrecería nada que fora a súa nora.
Como disque non estades lonxe, daraslle recordos meus e diraslle que, se me da palabra de casamento, eu espero por el.
Logo tocoulle a vez a carta co nome de Che María, que ía dirixida aos dous irmáns e Che María botou unha risa e dixo:
– Estou vendo de aquí o Martiño dicindo a cada palabra de miña nai: ¡Que mais!
Os outros riron pouco porque esperaban impacientes a vez de cada un súa lectura e Armando proseguiu na lectura:
– Queridos fillos, esperamos que esteades ben, nos aquí ben gracias a deus…
Saberedes que morreu o Benito da Xunqueira de repente, desconfían que o picou unha cóbrega…
Por aquí din que agora en Cuba empezan a botar aos españoles para dar traballo aos cubanos pero, polo amor de deus, vos non pasedes fame. Se tedes que vir vides que, se non andamos cheos, tampouco non morremos de fame, que temos broa de abondo…
Agora vai vir o inverno e tedes que ter roupa que Che María é moi propenso a coller friaxes. (Todos botaron unhas gargalladas)
Queremos que saibades que vai sendo hora de que Lelo busque unha mulleriña, o outro día viñemos con Dores de Médico da feira e ela parece disposta a falarlle a Lelo… A nos non nos estarrecería que viñera para a casa que é ben traballadora e humildiña… Tampouco no parece de mal corazón…
En iso, Cándida que estaba atenta, decatouse do escenario que se perfilaba en un futuro próximo e botou a correr cara a devesa.
Ao chegar ao Camiño dos Fuxidos, na beira do rio, botouse ao chan extenuada, ferida no medio do peito, saloucando e petando cos puños no chan.
Aló no fondo esperaba que Lelo viñera asegurarlle que a amaba e que nunca se arredaría de ela, que a collería no regazo e a bicaría mentres lle limpaba as lágrimas co seu pano que ela lavara e perfumara no día anterior.
Lelo, quixera facelo pero non o fixo, atopábase en unha encrucillada no camiño da súa vida, entre a paixón de un amor morno, desenfreado, tropical e libre e a razón do destino que o seu nacemento labrara para el. Os compromisos do mundo contra os compromisos do corazón. Se fose un idealista, coma seu irmán ou Armando, tivérase decantado polo azar do mañán libertario pero pensa que sempre é mellor estar esperto que ter que durmir para soñar.
Pouco a pouco, Cándida foi collendo respiro e as lágrimas secaron nos seus grandes ollos, ergueuse, sacudiu o mandil coas mans e botou a andar coa cabeza erguida disimulando a impotencia e a rabia da humillación que supón a culpabilidade de asumir soa a falla de compromiso do outro ser amado.
A partires de ese momento, as olladas que Cándida lle botaba volvéronse, a cada vez mais, insoportables e Lelo, que xa non era un home de carácter aberto, volveuse taciturno, de mal humor e, a súa mirada sempre baixa, deixaba adiviñar, a quen o trataba, unha grande tristeza.
O día de Nadal, Roberto distribuíu un aguinaldo a cada traballador de 10 pesos e unha cea foi organizada polo colectivo de xalleiros de Abreus na taberna de Xacobo de Xabestre.
Lelo que xa non ficaba a gardar o campamento (evitaba como o lume de atoparse so e ter que enfrontarse a cólera de Cándida que el adiviñaba polos coitelos que ela lle batía a cada vez que os seus ollares se cruzaban) atopouse con Ramón do Xastre que cortaba cana na zona de Ranchuelo.
Ramón faloulle que en Ranchuelo había varios de Vilamaior, de Castriz, da Illa, de Montouto e de Freixeiro. Tamén lle falou de que gañaban case seis pesos por día e, anque a comida non era moi boa, aforraban moitos cartos.
Cando chegou a Simpatía, Lelo pediulle a conta para fin de ano a Roberto sen consultalo con os seus compañeiros, nen sequera con Che María.
Cando se soubo que Lelo ía marchar, Che María preguntoulle:
– ¿Que raios che picou? Disque vas marchar para a cana coma se foras un ladrón.
– Cando andamos polo mundo temos que ir aló onde se gane mais, dixo el de xeito evasivo.
– ¡Moi ben, pero podíamos falar coma irmáns ¿non é? ¿pasou algo? ¿xa non te atopas a gusto connosco? ¡dime! Remachou Che María.
– Non quero falar mais do asunto, non ten nada que ver con vos, quero marchar e xa está. Para Agosto vou marchar para España e teño que aforrar. Rematou Lelo.
Che María, vendo que Lelo daba as costas e íase deitar na cama non insistiu, saíu para fora, envolveu un cigarro mentres mirou para a Lúa, que alumeaba a devesa fumegar, e deixou caer unha lágrima de morriña traendo no maxín Xusta ao seu carón, até viu o seu fillo pasar coma un lóstrego uns instantes.
As canaveiras

Quince homes, cada un con catro regos de cana, cada machadazo súa cana que ía para o chan, todos levaban un rítmico compás e avanzaban coma un so home. Aló atrás viña Ramón do Xastre con un ritmo mais pousado e sereno:
– ¡Ai, Válame nosa señora! ¡Alabado séa noso señor!
Ao chegar ao arró, perdido aló no fondo da enorme agra canaveira, os quince mancebos, deixaban caer os seus pesados corpos enriba da cana deitada, extenuados mentres as mulleres negras lle daban de beber en uns foles de pelexo.
Ramón non se deitaba, so endereitaba un pouco o lombo mentres podaba unhas poliscas na silveira e, cando os outros recobraban unha chisca de forzas para volver con outra ringleira xa Ramón tiña cortados vinte ou trinta pasos.
Cando estaban ao seu carón, Ramón dixo para Lelo:
– ¿Logo é certo que te embarcas para casar a semana que ven?
– ¡Pois é! Dixo Lelo.
O retorno.

Che María pediulle a Armando que lle escribira unha carta para Xusta:
– Miña vida.
Xa me dixeron que te casaras e iso encheume de tristeza.
Despois da rabia que me produciu de saberte nos brazos de outro, e de moito darlle voltas na mioleira, cheguei a conclusión que non me fica mais que roer a miña dor e non buscar mais culpables que eu mesmo.
Non sabes, miña queridiña, canto me pesa hoxe de terte abandonado e de marchar da túa beira, ten por seguro que nunca te esquecerei.
Xa sei que non teño dereito a nada de ti, agora pertences a outro e non so ti senón tamén o noso fillo. Non teñas ansia que eu nunca virei perturbar a túa paz. Anque ese neno é a cadea que nos xungue de por vida será tamén de por vida o noso segredo.
O que si teño dereito é a deitarme cada noite contigo no pensamento e de erguerme tamén cada mañán contemplando ese rostro que eu perdín para sempre, non haberá retratista que che tire mellor retrato que o que eu levo para sempre no meu corazón.
…
Mándoche esta carta por meu irmán, facéndolle prometer que non a vai abrir.
Non che vou pedir resposta pero se, de algún xeito tes ocasión, sería para min de grande ledicia, se me fixeras chegar un retratiño de ti amais do noso fillo.
Cando volva de novo a nosa aldea, espero sexa pronto, teremos que atoparnos en algún sitio, imos ter que apertar os nosos peitos para non tolearmos. Ti negarás mil veces que non me quixeches e eu tamén pero quero que saibas que ao pasar a túa beira heiche de abrazar no meu maxín e ti vas facer o mesmo porque, a pesares da vida que arredou os nosos camiños, a grandeza do noso amor atounos para sempre con un lazo invisible.
Por favor, miña rula, móstralle ao froito do noso amor todos os curruchos que frecuentamos onde nos amamos con tanta tenrura, faino beber auga da Fonte Escachada en aquela concha pola que ti me dabas de beber a min. Ensínalle o nome das estrelas que eu mais ti bautizamos para nos.
… E, por enriba de todo, non me esquezas nunca…
Perdóame por todo o mal que che fixen, eu xa che perdoei o que sufro por ti… quero que sexas feliz por nos os dous.
Como din por aquí:
cuantas cosas quedaron prendidas
muy adentro del fondo de mi alma
cuantas luces dejaste encendidas
yo no se como voy a apagarlas
ojala que te vaya bonito
Che María podía apenas conter a súa emoción por volver a aquel porto que o veu chegar a Cuba, ollou para aquel monstruoso barco e abrazándose como unha lapa a Lelo rompeu a chorar.
Os dous se decataron que os choros non eran so porque un irmán se ia, era a morriña da Terra.
Todo se remexía no interior de Che María, Xusta, o currucho debaixo do horreo, onde ia chorar cando unha pena aflixía o seu corazón de rapaz, as amoras das silveiras, a corredoira do Agro Vello, os niños de carrizo que atopou no Monte Castelo cando ía coas vacas, as tiraduras de orellas que seu pai lle dou, os consolos que súa nai lle dou cando tiña as papeiras… Canto daría por volver atrás e labrar outro camiño…
Pero o barco empezou a bruar e os altofalantes chuzaban coma aradores para que os señores pasaxeiros foran embarcando…
Che María tirou un sobre pechado do peto e estendeullo a Lelo facéndolle xurar que non o abriría e que llo entregaría persoalmente a Xusta coa discreción necesaria para que o segredo fora eterno.
Lelo, vendo a mirada case ameazadora de Che María asentiu coa cabeza, sobraban palabras.
Cando xa Lelo estaba no derradeiro tramo da grande escada, Che María berroulle:
– Dálle moitos bicos a mamá.
Lelo non entendeu o que dixo pero fixo sinais de adeus coa man e maxinou para si:
– Dirame que lle dea bicos a mamá.
O que se deixa atrás.

Mentres isto acontecía, Cándida, nos Carbonais acariñaba a súa barriga de 8 meses e medio, e cantaba
Por tí olvidé -cual flores sin esencia-
ilusiones de bien que fueron mías;
y troqué por culpables alegrías
lo más bello del alma, !la inocencia!
Lleváronse la paz de mi existencia
tus locas noches y revueltos días;
en el fuego mortal de tus orgías
quemó sus níveas alas mi conciencia!
Hollé por tu favor lo más sagrado;
apagué con tu risa el sentimiento;
escondí en tu cinismo mis sonrojoas;
y en cambio, ingrato amor, ¿qué me has dejado?
¡Sombrío, cual la noche, el pensamiento,
inerte el corazón, secos los ojos!
De volta a Simpatía, rumores corrían pola Illa de Cuba, coma lume pola pólvora, de que se estaba preparando un golpe de estado


Te digo adiós y, acaso, te quiero todavía,
no puedo olvidarte, pero te digo adiós.
No sé si me quisiste, no sé si te quería,
o tal vez nos quisimos, demasiado, los dos.
Ese cariño nuestro apasionado y loco,
me lo metí en el alma, para quererte a ti.
No sé si te amé mucho, no sé si te amé poco,
pero sé que nunca volveré a amar así.
Te digo adiós y, acaso, con esta despedida
mis mejores sueños mueren dentro de mí.
Pero te digo adiós, para toda la vida
aunque toda la vida siga pensando en ti.
«José Ángel Buesa»
I – Tentando enganar o futuro
Che Maria pasoulle con dozura unha poliña de carrasca polo pescozo a Xusta.
– ¡Estate quedo oh! díxolle ela, ¿non ves que me fas cóxegas ?
El non respondeu, ollaba obstinadamente para o carballo do valado, coma alguén que garda un segredo terrible e ten medo a ser descuberto.
Xustiña baixou a testa e unha bagoa transparente caeu no interior da súa coxa deixando un risco que el viu de contado.
– ¡Ei, miña xoia ! ¿Séique choras ?
– ¡Non ! ¡É o vento que me raña nos ollos !
Che María volveu a ollar para a pola eivada, onde tantas veces instalara a corda para xogar ó xirindengue. Tería vontade de volver a facelo pero a vergoña, se alguén pasaba e o vise, impedíallo. Un sorriso de maldade atravesou a súa mente.
– Vou buscar unha corda e ímonos zarandear a Xustiña amais eu, pensou.
Ergueuse e botou a camiñar coa zamarra a medio espir e os zocos a medio amalloar, sempre foi un fargallón.
– ¿A onde raios vas? ¿seique toleaches ? Berrou a moza.
– Ti non te movas, que eu logo veño.
Xa coa corda ben amarrada, enriba do valado
– Ti non teñas medo, agárrate ben o adival que eu non te deixo caer
– ¡Ai, Cheiño ! Se meu pai nos olla, vaia tunda que vou apañar.
– ¡Veña muller ! Vas ver que alto imos, ti pecha os ollos e déixame puxar a min.
A emoción de Xusta, as risas esaxeradas, entre o medo e a ledicia, ao sentir o seu amado contra as súas costas, a velocidade do vai e ven cada vez mais largo facían pensar que no mundo so existían eles, era un deses momentos ao que un se agarra e quere morrer para continuar na mesma posición no paraíso.
Dun xeito traizoeiro coa presión enérxica dos dous corpos, o garabullo estalou e Che María non pensou mais que en caer por baixo para que Xusta non se magoara.
A dor de costas era insoportable pero, vendo a postura na que aterrou, non se atreveu a queixarse, non fora ser que a Xustiña bulise.
– ¿Magoácheste?
– Non, descoida.
– ¿Queres que me arrede de riba de ti?
Non fixo falla falar, a man de Che María xa penetrara no xustillo e comenzaba a localizar as amarrallas. A rapaza non estarrecía o feito e mesmo se remoeu para facilitar a manobra.
II – O segredo compartido
O solpor comenzaba e a sombra do vello carballo repartíase por toda a cortiña. Co remoer da lixeira brisa as follas facían bailar os raios de sol semellando unha manchea de luceiros que Che María quería rexistrar na sua cachola, anque o estaban cegando, non arredaba os ollos de aquelas luciñas brincadeiras.
– ¿E verdade que marchas antes da festa?
– ¿Quen che dixo tal cousa? Reaccionou el, erguendo medio corpo de súpeto e poñendo cara de enfadado, xa falou o carallán de meu irmán
– A ti non che importa quen mo dixo, o que eu penso e que ti non me queres e vasme deixar soa. ¡Que vergoña! O día de Nosa Señora, todas paseando co seu mozo e eu viúva os 16 anos.
– Non digas parvadas, ti sabes ben que che quero moito pero aquí non podemos chegar a nada, nos somos nove irmáns e un en camiño, en uns bens de arrendo, túa irman xa esta casada na casa e eu non me quero casar coa filla do Pexegueiro, para poderme casar contigo teño que ir buscar fortuna fora.
– Prométeme que non me vas esquecer, meu amor, eu esperarei anque sexan mil anos, terei un fillo teu que me fará esperar, non me importa o dicir da xente, eu non terei outro home na miña vida. Espera polo menos até despois da festa.
– Non son eu que marco a pasaxe, vida miña, que mais quixera eu que darche o paseo de honor na romaría pero as cousas non son como eu quero, o barco sae de aquí a quince días e o escribán do concello avisoume que se non me presentaba no embarque, meu pai perdería os cartos da pasaxe. Ti xa verás, dende que atope vida aló en Cuba, heiche de reclamar, casamos por poderes e voute ter coma unha raíña.
– De aquí en adiante, meu Cheiño, heiche de deixar a fiestra aberta, ti subes polo loureiro dende que todos vaian na cama, heiche deixar o candil aceso, será o noso sinal, ven durmir comigo, quero que cheires a min para que no me enganes aló na América.
– ¡Miña xoia! ¡canto te ei de estrañar!
III – Despedidas
O tío Torreira estaba apañando nas patacas de cedo, cando viu chegar os dous irmáns, sen que eles tiveran tempo de dicir parola, espetou a legoña no caneiro e deixouse caer de xeonllos, ergueu as mans xuntas ollando cara o ceo e berrou :
-Meus filliños, que a bendición de Deus vos cubra, eu perdidiños xa vos vexo.
A tía Ánxela saloucaba sen poder dicir ren, achegouse os dous rapaces e colleunos coma se fose atar un monllo de trigo.
– Ven, Laurindiña dálle uns biquiños a teus curmáns que van embarcar.
– ¡Calade, oh! Mesmo parece que nos van a enterrar, dixo Lelo, que anque era mais sensible e estaba menos ilusionado ca Che María sabia finxir.
– Leliño, Deus me perdoe, cando se enterra un fillo vaise chorar diante da cova anque sexa a todas horas, cando marcha para América, nen sequera se pode chorar preto del.
– Nos imos volver, xa o verá.
– Que Nosa Señora te oia, meu filliño, ei de ir de xeonllos a Nosa Señora e botarlle unha misa para que volvades ricos e cheos de saúde.
IV – Ruada do adeus
No pallal do Cobeleiro, que era o mais espazoso do lugar, fixeron unha ruada organizada polas mozas pra despedir os que marchaban para América.
Alí chegaron dous do Médico de Pereira que marchaban para o outro día, un de Malvarez e dous de Vilamaior que embarcaban o primeiro domingo de setembro para o Brasil, os de Vilamaior emigraban mais para o Brasil, os de Malvarez repartíanse entre Venezuela e Cuba, en Recarei e Pereira varios irmáns atopábanse entre Arxentina e Cuba.
Tamén viñeron varios de Tordoia e dous de Bazar, tres ou catro de Boimente e a parte de Freixeiro representábana un bo feixe.
Como diría o noso poeta, Manuel María « os mais decididos e valentes »
O Miguelo viuse cativo para servir a cantidade de netos de ribeiro das convidadas que todos querían pagar aquel día.
-Bota viño taberneiro, temos que enganar os nosos corazóns hoxe.
-Bebe Codeso, e non teimes, os teus fillos son fortes e listos coma allos, verás como veñen axiña, e podres de cartos.
V – O risco do desespero
Che María sentiu como os mornos raios de sol entraban pola fiestra e queimábanlle na cara, rascouse e, de súpeto, abriu os ollos, pegou un brinco e xurou.
– … vaia, doume o día e eu aínda aquí.
Mentres enfiaba os calzóns, ollou para a Xustiña, coa súa cariña sobor do traveseiro de lan, estaba tan boniteira, co seu cabelo espallado e enmarañado, con unha cara de santiña. Inclinouse docemente e doulle un biquiño. Cando botaba a perna pola fiestra, volveuse coma se se acordara de mirar pola derradeira vez algo escrito no seu subconsciente : o traveseiro tiña unha mancha marela, eran as bagoas secas da Xusta. O dar o brinco da pola mais baixa do loureiro, un lóstrego atravesouno de riba a baixo cando sentiu unha pesada man no seu ombreiro, dou a volta coma un foguete, en posición de defensa de eventualidades pouco agradables, a súa faciana ficou xeada, cos ollos redondos coma se vira a Santa Compaña e pensou :
– ¡Raios, o que faltaba, o Pombo! (pai de Xusta).
Non tivo tempo de maxinar unha estratexia, caeulle semellante lapote, foi, caio non caio, parar contra unha maceira con tal impacto que fixo caer media ducia de mazáns. Aínda se endereitou para tentar un diálogo pero, vendo que o Pombo se dirixía cara el con intencións bélicas, decidiu unha retirada táctica polo método urxente, se fose de noite, tendo en conta a presa que levaba, veríanse as chispas dos zocos contra as pedras da corredoira.
Cando se estimou fora do alcance da cólera do Pombo, sentouse no valado da Agra de Baixo, enxugou a abondosa suor da testa coa manga da camisa e dixo.
– Se me apaña estrágame para a vida, iMalo raio o fenda!
VI – O sermón
O domingo foi a misa da despedida dos emigrantes de Nosa Señora de Vilamaior pagada, como é de lei, polas familias dos coitadiños, un ferrado de trigo por emigrante, (daquela non se dicía « Busines is busines »).
Todos os da parroquia estaban alí, vestidos coa roupa que mercaran para a viaxe, tiñan que cumprir coa tradición da procesión, cada catro mozos tiñan que levar a Santiña o lombo unha volta arredor do adro.
Don Xosé votou un discurso que tremía o misterio :
– Pecadores, vedes os estragos que facedes por culpa dos vosos pecados, estes mozos, froitos das entrañas destas desgraciadas que chorarán longamente as ausencias, serán desterrados coma o foron os nosos primeiros pais do Edén …
– Vos pobres coitadiños que ides vagar por estes mundos de Deus, non esquezades de pedir clemencia polos vosos pecados …
– Non sexades soberbios, dade gracias pola grande misericordia do Criador e cando vos sintades desesperados non decaiades, lembrade que o mesmo Xesús foi conducido o deserto para ser tentado polo maligno, pensade que a emigración e unha proba que Deus vos impón, seredes tentados moitas veces a facer o mal, se resistides e continuades o camiño da obediencia, da humildade e da oración poderedes, coma Xesús, compartir o pan dos xustos a dereita de Deus Todopoderoso …
– Despois de todo, pensade, que, en parte, foi gracias o diñeiro de algunhas almas piadosas que fixeron fortuna fora que esta igrexa foi construída, admirade estes homes anónimos que vos ofreceron este templo onde agora podedes vir axeonllarvos ante a Virxe e pedirlle ventura na larga viaxe que ides emprender …
– .. » que a bendición do Noso Pai se estenda sobre as vosas cabezas et a vontade divina se cumpra por maior gloria de Deus.
– Amen!
VII – Cambio de réxime.
O Martiño era o único da aldea que sabía ler, aprendera na guerra de África onde chegou a cabo, estaba sentado na pía da auga diante do cabazo con un periódico de facía tres meses na man. Che María sentouse a sombra do freixo e escoitaba os comentarios do tollido que mesturaba sempre a historia do cacho de metralla que recibira na súa perna tesa a loitar contra do moro infiel e a actualidade política.
– Agora que vai vir a república, os mozos marchan.
– ¿Que e iso da república?
– Que burros que sodes carallo, mentres que Galiza non se encha de escolas non se vos pode meter nada nos miolos. A república e un sistema de goberno que quere dicir « dúas veces pública », ¿comprendes? ¡Re-pública !.
– Escoita o que di o xornal « O Rei, don Alfonso, temeroso do incerto resultado do referendo mandou os seus emisarios percorrer o mundo, no mais estrito segredo, para asegurar un hipotético exilio seguro onde estabelecer a casa real … » « … pasado mañá pronunciará un discurso no que e mais ca probable que se despida da patria … ».
– Logo ¿o rei tamén ten que coller o barco? O mellor ven no mesmo ca min.
Botáronse a rir.
VIII – A morte que ronda
Os anos que tiña Xoana do Catuxo non o sabia ninguén, diante da casa do Codeso armouse un debate pasional:
– E mais vella que Manuel do Roxo.
– Home, o irmán de Xoana e da mesma quinta ca el.
– O escribán que veu facer o censo para o referendo dicía que no libro do crego xa non se lía a data do seu bautizo de vella que era, tiveron que poñer « idade descoñecida ».
De súpeto, oíronse as campaíñas da comitiva sacramental que bordeaba os castaños da horta da Pallegueira.
– Arredádevos do camiño, dixo o Luciano da Lusca.
Sacaron o chapeu e esperaron quedos, ca testa baixa mentres Pepe Novo (o sancristán) pasaba tirando do ramal da burra que camiñaba abaneando para tentear o peso portentoso do señor abade, detrás marchaban con cara de aburridos os dous rapaces coas caixiñas das cinzas. Don Xosé fixo un xesto bendicindo coa man, aproveitando para escorrentar as moscas. Eles porsináronse.
Dende que pasaron, a xente ía saíndo das cortes e deixaba os labores para engordar a procesión cara a casa da Xoana.
Che María estaba tristeiro, mentres Don Xosé facía que confesaba a Xoana, porque entender non se lle entendía nada a pobriña, el pensaba :
– Que manía dos abades co « Ego te absolvo », ¿Que lle vai absolver? ¡É a nai de todos! ¿Que pecados podía ter a coitada?
Lembrábase do día que estaba coa Xusta no arró do Agro Sucado, a Xoana estaba recollendo herbiñas na silveira e, como xa non vía moito, foi encancar nos corpos alleos a toda influencia exterior que non fose a súa paixón, pero recoñecer recoñeceunos.
– Raios que tombos deixou o Pombo no arró, e moi traballador pero tan mal xeitoso.
Arredou deles e continuou a recoller as herbiñas un pouco mais lonxe cantando para disimular:
– Marica foi o muíño / ca foleca na cabeza / escorréronlle as chanquiñas / e caeu co cu na presa.
Nunca nada se soubo, todo gardaba para ela, o seu finado deixouna facía 40 anos e sempre lle gardou o loito, decote cuberta de negro, parecía unha alma en pena. Daquela os homes morrían de contado, os traballos e a necesidade daba cabo deles nun apes.
Blandina molláballe os beizos con un pano branco e despois de saír unha bagoa daqueles ollos secos pero extremadamente expresivos, xa llos tiveron que pechar, abriu a boca para berrar o seu silencio que a atenazara perante boa parte da súa existencia, ela viu marchar tanta xente nova, viu tantos cadaleitos pasar polo seu curral, para aló ían a través do lombo de unha besta ou a cabeza das mulleres e para acó viñan o lombo de seis homes. Nos derradeiros días non paraba de repartir perras aos mozos.
– Toma meu filliño, para que me traiades unha boa caixa e me levedes ao adro.
Morreu como vivira, botándolle unha ollada o mundo que todo quería dicir sen emitir parola.
No velorio amañáronse dous casamentos e vendéronse dous bois. A Felisa non paraba cas súas letanías en latín e a xente repetía dun xeito automático mentres se arrimaban a lareira :
-Ora pro nobis.
IX – A vida que loita por saír
A saída do enterro, os mozos foron para a taberna da Ferrina, Lelo pediulle 30 reas a seu pai para pagar o último neto aos compañeiros.
Che María estaba contrariado, dende que o Pombo o tiña de ollo non puidera ver a Xusta, armouse de valor e atreveuse a fuxir da taberna, presentouse na porta da Xusta. Petou na porta e saíulle Lela.
– Boas noites, tía Lela, ¿está a rapaza?.
– Está pero non sei se poderá atenderte porque está unha miga indisposta.
– Por Deus lle-lo pido, déixeme falar con ela, aquí no solleiro non lle vou facer mal. Xa sabe que me vou mañá e teño de darlle a despedida.
Vendo a desesperación do namorado, Lela achegouse a el e díxolle mainiño na orella:
– Vaite para cas do Catuxo, Xusta amais eu imos cara onda Blandina e alí podes estar con ela, pero so un pouquiñoo, ¡eh!.
– Perda coidado.
– ¡Vaite de aí rapaz, aquí non tes nada a que vir ! Berrou ela para asegurarse que o Pombo a sentira e bateu o postigo da porta con xenio.
A xusta amais súa nai ían polo medio do camiño co fachuzo de pallas na man mentres as charamuscas saian lixeiras e irregulares acompañando a doce brisa de agosto.
Cando entraban pola porta oíron o chis-chis que Xusta recoñecera entre milleiros, volveu para tras coma un lóstrego e desapareceu na escuridade, a súa nai non lle dou tempo de avisala que se o chegaba a saber seu pai desgraciabas as dúas.
Acurruncháronse nun cantiño do pallote entre o malladeiro do millo e o picadeiro dos toxos da besta, enriba dun monllo de palla.
Faltáballes tempo para desfacerse dos atavíos innecesarios pola quentura ambiental e a callentura da alma.
Acudiron a chamada da nai natureza, ela pousou os beizos na súa boca e el bebeu a auga salgada que escorregaba dende as perlas que Xusta tiña por ollos.
Ningún deles sabia de Marco Antonio e Cleopatra nin de Romeu e Xulieta nin de Napoleón e Xosefina nin de Calisto e Melibéa, ¡Nin falla lles facía !, eles facían de cada caricia unha historia completa, xuráronse eterno amor, beberon nas fontes do pracer, embriagáronse libando mutuamente cada currucho dos seus corpos que cheiraban a macho e femia, salvaxes, sen argolas nos pes.
Cando a temperatura dos seus corpos descendeu a graos mais mornos debido quizais o fresco orballo que molla sen mollar no mes de agosto, chamoulles a atención un grande resplandor e os berros dos veciños.
– ¡Acudide todos! ¡Arde o palleiro da Furoca!
Cando chegaron alí xa ninguén botaba auga, a palla estaba dabondo seca para que o lume fora imparable.
– ¡Ai, meu Deus! As charamuscas do fachuzo da miña nai. Dixo a Xusta.
Ninguén soubo xamais quen lle prendera lume o palleiro da Furoca, algúns desconfiaron do seu xenro por non arrendarlle a Roza dos Pinos para sementar uns graos de trigo.
X – Volver a vista atrás

Era aínda de noite e os galos mais preto das regañas entre os casqueiros que facían de parede ao galiñeiro comenzaban a responder aos primeiros albores que se albiscaban por detrás do Monte Longo soprando na súa afrautada gorxa.
Lelo axudaba seu pai amais o Xaquín a poñerlle os arreos a besta no curral.
Ninguén falaba, o ambiente estaba cheo de silencio, un silencio de ferro, mesmo os paxariños respectaban a cerimonia, os años comezaban a reclamar as primeiras tetadas da mañán e os cochos bulaban no esterco en busca de humidade, eran os únicos seres alleos a traxedia que se desenrolaba no ir e vir lixeiro e nervioso.
Lena, súa nai, facía soar a violenta saída de bormos no revés do mandil, cos ollos vermellos de ter vertido bagoas toda a noite.
Xaquín xa era dabondo grande para comprender o que pasaba arredor e estaba angustiado dende o fondo das entrañas, Lelo era o seu irmán maior e tiña consciencia que aqueles momentos serian os últimos que ía pasar preto del en moito tempo, non saia do seu carón e insistía por axudarlle en todos os preparativos.
– ¿Vas volver de contado?
Lelo torceu a cara para o outro lado para que o rapaciño non vise a súa cara e adiviñase o impacto que esta pregunta fai sempre. De súpeto, o corazón encóllese, a gorxa sécase, e as pernas desfalecen, todo emigrante ten dificultades para responder as preguntas dos cativos que os adultos non se atreven a facer.
Lelo botou un xeonllo a terra e colleuno no seu regazo, apreixouno nunha inmensa aperta, sentouno no xeonllo dobrado e peiteoulle o cabelo cos seus dedos.
– Escoita Xaquiño ¿Sabes quen eo irmán mais vello?
– Es ti.
– Pois agora que Che Maria amais eu marchamos, tes que axudar ti un pouco mais, tes que ir chamar as vacas a gradar sen protestar. Se te comportas como e debido heiche traer un peso de prata coma o que ten o Pexegueiro e un chapeu de palla branca coma o do Americano de Pereira.
– Eu non quero nada, cando sea grande coma ti heite de ir buscar a Cuba.
Lelo fixo un sorriso, doulle unha lapada careira nunha nágueda, bateuno enriba do feixe de herba seca que súa nai estaba arrincando do palleiro e pensou como até os nenos coñecían o seu destino, era mais probable a marcha de Xaquín que a volta de Lelo.
Os primeiros raios de sol filtrábanse timidamente por entre as tellas do cortello e Che María mirou para o currucho do casqueiro, era alí onde se agochaba cando seu pai lle berraba de pequeno. Naquel intre dáballe importancia as cousas que outrora eran insignificantes, lembroulle a pedra chan (onde se fai o fillado de amoras), a bagoada que fixo a vaca Loura rañando o pescozo na viga que trema das escaleiras, a ferruxe acumulada nas pedras da corte onde se pousa sempre o candil cando se acomoda o gando, o chrin-chrin da roldana cando se saca a auga do pozo, a cama do Petís debaixo do malladeiro, as covas dos coellos debaixo do cabazo, acordouse até a tea de araña que sempre estivo enriba do seu leito, até esa minúscula araña o deixaba melancólico, cando foi coller os aprechos de entre a biga e o faiado acordouse que a tiña que matar pero non o fixo, perdooulle a vida.
O Codeso non falou parola, despois de aprechar a besta cargou as maletas de madeira que fixera o tio Celestino e amarrounas na albarda. Lena foille pedir emprestada unha broa a Mixirica e meteuna nunha saqueta de lá con un anaco de pernil, gostaría tanto darlles un pouco de raxo pero tiveron que vendelo todo para mercar o sal de salgar o touciño, os que viñeron da América todos dixeron que nos barcos daban moi mal de comer. Pobriños, canta fame van pasar por eses mundos -pensaba ela- tratando de non recoñecer que era da fame que eles fuxían.
Pouco a pouco chegaron os veciños para darlles a despedida e seguiron en comitiva ate a Portela da Misa, alí Lena sacou o pano da cabeza e collinos entre os seus brazos, non foi capaz de gardar mais a súa compostura e rompeu a chorar.
– ¡Adeus prendas do meu corazón! ¡Que Nosa Señora vos cubra co seu manto!, ¡Eu morrerei de tristura e os meus ollos pecharanse sen vos ver! ¡Ai meu Cheiño! iAi meu Leliño ! ¡Deus! ¿para que espetas este coitelo nas miñas entrañas ? ¿por que as nais parimos fillos pro mundo?
Felisa botoulle as mans os brazos.
– Veña Lena que aínda vas perder o neno que levas na barriga, ven pra casa muller, canto mais lonxe vas mais sofres.
Mentres o Codeso subía pola costa do Ribeirán coa besta polo ramal, as ras cantaban a súa insistente melodía nas Brañas do Castelo e o raposo berrou na Devesa do Pombo. o pasar por diante da casa do Miguelo, escoitaron os berros do parizo de Erundina.
-¡Vállame Deus ! ¡Facer fillos! ¿Pra que?
XI – A liberdade fai mal
O Pombo non foi a despedida, escollía nas patacas, as mais grandes para o caldo, as medianas para a semente, e o refugallo para os animais, a tensión arterial subía minuto a minuto e mirou para o machado espetado no cepo de fender os rachóns; uns instintos asasinos pasaron brevemente polo seu sentido mentres escoitaba os saloucos de Xusta pechada no seu cuarto coa porta trancada.
– Papaiño deixeime saír, por Deus lle-lo pido, despois pódesme pechar pra toda a vida.
No fondo era un home sensible, pasou as mans pola cara e ergueuse do tallo coa intención de ir desatrancar o cuarto pero volveu a sentarse e bateulle unha pataca as galiñas que lle ciscaban a nabiña de toxo que a muller viña de estender enriba de unha manta na eira.
– E mellor para ela que non vaia.
De repente, a Xusta pasou a man polo ventre e botou un sorriso de vinganza, entre triste e malicioso, xa nunca mais volto a dar sinais exteriores de chorar pero a partir de aquelas o seu corazón comenzou o endurecemento propio dunha viúva.
No alto da Chainza, Che María apoiou o pe nun penedo para amalloar un zoco e deuse conta do bonito que era a súa aldea, a esa hora da mañán cos tellados vermellos da luz mainiña do sol. Da cheminea da Xusta viu saír un fume negro que viña cara el.
XII – A revolución dos transportes
Na parada de Rial, o chofer do carro de mulas tiña cara de poucos amigos aquel día, sentira rumores que o seu servizo sería de alí a pouco suprimido, un deses autocarros mecánicos íao substituír na liña Carballo-Santiago.
– ¿Parécevos que as miñas mulas van amodo?, ¡Xa veredes cando veña o Guillén coas súas máquinas infernais!.
– Éche o progreso Rodolfo, éche o progreso.
– Cala home, cala, están arruinando o pais, agora xa non se lle ten respecto nin ao rei, até queren república e todo. Tanta liberdade non trae cousa boa, mira na Francia disque agora todos os que traballen van ter dereito a tres semanas de festa pagadas por ano. Nunca tal se viu, ¿Quen vai traballar?
– Que traballen os ricos que tamén fan os cartos.
– ¡Arre mulas! Eu vou ir pro retiro obrigatorio e vos pro matadoiro, van facer graxa para os zocos de vos.
O Codeso mercou un litro de caña na taberna do Fogueteiro e botou un grolo, subiron as maletas, puxéronas a carón do chedeiro do carro e sentáronse enriba. Uns lategazos secos soaron na tiradeira e no xugo das mulas de atrás e resoaron nas eiras veciñas. Mentres comenzaban a saír da lama do curral o Codeso berroulle o Fogueteiro :
– Vótalle un pouco de millo a besta, dille os rapaces que non se acheguen a ela, e moi mansa pero cando non coñece … , secadra non veño até mañán.
-Perde coidado, vouna tratar coma o cavalo de Santiago. Boa viaxe rapaces, cando volvades vinde ver o Fogueteiro que sempre ten bo viño.
Despois continuou a berrar pero o troupelear dos cravos das rodas no morrillo da estrada non deixaba oír.
XIII – … Por un mundo que non vin…
Para os mozos, Santiago era unha novidade, nunca tiñan posto os zocos. Aloulados quedaban co espectáculo que vían: Un home berraba, ¡limpia, limpia!, unha vella vendía escapularios moi xeitosos, con un cordón de seda, unha figuriña do Apóstolo e outra da Virxe do Sagrado Socorro. Lelo mercou un por dúas perras.
– ¿Pra que gastas os cartos nesas caralladas, Lelo?.
– ¿Non te acordas que lle prometemos a mamá que mercariamos un escapulario pra ter sorte na viaxe?
– Esas son manías das vellas, o crego cómelles os miolos con tantas sermonadas.
Un vello todo esfarrapado que escoitaba a conversa dende un tallo díxolles sen se ocupar se o escoitaban ou non :
-Aceitar de honrar as divindades dos antergos e un xesto social, non implica necesariamente a convicción persoal.
Un home de bigote, gabardina e sombreiro acercase a eles moi amigablemente:
– Polo que vexo vos ides pra América.
– Pois imos.
– ¿Embarcades mañán en Vigo?. Se tedes problemas, eu teño un amigo en Emigración. Aquí en Santiago tamén teño boas cuñas, se queredes unha pensión para descansar unhas horiñas …
Mentres que falaba aquel home, Lelo observábao con moita curiosidade, mans ben coidadas, roupa ben estricada, bigote perfilado, zapatos finos e brillantes, parecía o fillo do recadador de Negreira. Pero o fillo do recadador non se paraba a preocuparse polas súas necesidades como o facía aquel señorito.
Che María estableceu unha conversa co home que parecía coñecedor do mundo e estaban a falar do xeito de pasar unhas horas de soño con unha boa moza por unha módica suma cando o Codeso os interrompeu collendo a Che María por un brazo.
– Ímonos rapaces que levamos presa.
Mentres se afastaban continuaba a falar.
– ¿Non vos decataches de que era un charlatán e un estafador? Eses que teñen fachenda de señoritos, cando se mesturan cos labregos, so e para fodelos.
Ao pasar polo Pombal, viron en un portal unha señorita con moito postín, cos ollos cheos de tinta para agochar as marcas dos cachetes que lle arreaba o chulo, a amargura das noites de claro en claro e os días de escuro en escuro e a resaca das copas onde afogaba os recordos de unha vida prometedora da cal está tomando conciencia que nunca se realizará.
Un xeonllo ben rapadiño aparecía por entre a abertura feita adrede na saia de estampado. Os tres aldeanos continuaron andando pero a mirada non podía evitar de ficar estática na regaña do escote da bela moza. Che María volveu bruscamente a realidade cando se esnafrou contra un pipote de viño estacionado diante dunha taberna. Votou as mans o xeonllo dereito, que foi o mais afectado, e un xuramento espontáneo saíu dos seus beizos.
A moza ensinou levemente os brancos dentes con un sorriso cínico.
– ¡Paletos tiñosos!
Cuspiu para a rúa coma se quixera votar lonxe do seu corpo a súa orixe de aldeana. Seu pai era coma aqueles pailarocos e ela fuxira para a cidade para escapar do atraso, non se podía permitir o luxo de ter nostalxia dun pasado miserento. So choraba morriñenta despois de unha boa malleira do chulo a soas consigo mesma no seu cuarto.
XIV – Último aviso antes do barco
Nos arrabaldes do porto de Vigo non se aturaba o sufoco dun calor intenso. Xente que camiñaba para todos os cantos, revendedores de pasaxes, portavoces de notarios que non paraban de facer testamentos, prostitutas que ofrecían un hipotético derradeiro desafogo os mariñeiros, mulleres que camiñaban coa testa afuciñada con un pano continuamente limpando os ollos … As tabernas estaban abarrotadas de homes que afogaban a sede e as penas nunha cunca de viño do pipote. Baules, sacos e alforxas entorpecían a circulación en todo Vigo.
Lelo, Che María e seu pai paráronse a descansar nun calquera dos calexóns en costa dende onde se pode malamente ver un dos dous transatlánticos que fondeaban na espera de engulir cento de seres humanos para levalos a fortuna ou a perdición.
Lelo sentía de mais en mais o peso do punto de «non retour» o calleiro non lle cabía no corpo e algo lle apertaba no peito.
– ¿Non te atopas ben, Lelo? -Preguntou o Codeso.
– ¡Nada, nada, é o sol que aperta!
Sentouse na maleta despois de limpar a carbonilla que, para mais inri, caia do fume negro procedente daqueles monstros.
Che María partiu un cacho de broa e botoulle un grolo o fol do viño, estendeullo a Lelo que, sen erguer os llos do chan, arredouno coa man, o Codeso botoulle instintivamente a gadoupa e arrimouno o fociño preto dun minuto, limpouno coa manga da camisa e mirou cara o mar.
– Agora tende sentidiño rapaces que o mundo non é coma Recarei, tratade de aforrar e lembrade que vosa nai quere ter as mais novas de vos posibles.
– Xa me ocupo eu -dixo Lelo- Tranquilice mama.
– ¿Que vos parece se imos indo cara o barco?. Secadra despois tráncanos o paso os que veñen despedir ¡miña nai, canta xente!.
Os diálogo era dificultoso, os sentimentos profundos non saian polos beizos, dende que algún dos tres homes estaban a punto de rebentar, sempre collía o relevo outro cambiando de conversa.
– Parece que imos ter bo tempo para a travesía.
– Ti tes sorte Che, co larpeiro que ti es vanche gostar estes trinta días sen facer nada.
Abríronse paso entre o cheiro a suor de milleiros de corpos que se amontoaban nas rúas que desbocaban no porto e chegaron o pe da escada que subía o Raiña Sabela, alí os mozos viron por primeira vez unha bagoa nos ollos de seu pai e tamén recibiron a primeira aperta.
– Non pasedes fame, meus nenos, e se vos chega a enfermidade, pensade que teredes sempre as portas abertas. Escribide.
Mentes que subía con moita teima, o barco parecíalle moi alto, Lelo virou para seu pai e díxolle.
-Enriba da última biga do cortello da besta teño gardadas unhas latas e unhas brochas para ferrar os zocos.
XV – A vida en cuberta
O dia de Nosa Señora, no medio do Atlántico facía un calor do diaño, os mariñeiros facían limpeza en cuberta e habería uns cachos de carne na fabada por ser un día tan sinalado. Un de cada dous pasaxeiros lembrábanse con morriña da festa onde estaban nese momento seus pais e irmáns.
Armando Valcarce era o intelectual da manada, co seu bigote ben coidado, coa súa cachaba fina, disque seu pai arruinouse para pagarlle a carreira de crego, cando estaba para dicir a primeira misa colgou os hábitos e saíu do seminario facéndolle un corte de mangas, tan mal sentou na familia que tivo que marchar, de feito, mesmo que posuía unha sólida formación e unha viva intelixencia, estaba marcado para a vida e non atoparía un xeito de vivir en toda Galiza.
Armando estaba sentado na súa maleta ollando como xogaban as cartas catro mozos de Ribeira enriba das súas. Ninguén deixaba as maletas na cala onde durmían, podíanas roubar e, o mesmo tempo, so os ricos que viaxaban en primeira tiñan dereito a mesas e cadeiras.
– ¡Bota brisca, me cago en tal !
– ¡Me cago en cal !Se me saíras de cabalo eu podía salvar o meu tres!.
De súpeto, as nubes cubriron o ceo, o vento brincaba co Raíña Sabela coma se fora unha casca de nos, a proa erguíase, a popa afundíase e viceversa; estribor xogaba a peneira con babor, as cartas desapareceron das improvisadas mesas, os pipotes da auga doce, mal amarrados, chinraban por cuberta incontrolados.
Che María pensaba que ia morrer, acordouse da Xusta, ela estaría probablemente na festa, outros mozos achegaríanse a ela, pediríanlle o brazo para facer as bailas da saída da misa, tocaría a pandeireta e pola noite secadra iría dar unha volta pola devesa con outro home. Unha corda frouxa a deriva chamouno a realidade con un lostregado na cabeza. Todos estaban axeonllados e rezaban pedindo a Virxe de acó ou de acolá que os salvase, que calmase a furia do vento facendo promesas de todo tipo.
– Se me salvas heiche de levar un ferrado de millo, San Adrián, santiño milagreiro.
O cabo de unha hora todo se calmou, os mariñeiros comenzaron a arranxar o Cafarnaún que a tormenta deixara en cuberta e un frade barrigudo que ía para unha misión de Santo Domingo propuxo dende un púlpito de caixas de madeira unha pregaria para dar gracias por non ter tido a deplorar ningunha desgracia. Armando brincou a carón do frade chuzando co bastón no ar coma se fixese esgrima.
– Sodes uns covardes e uns miserables, eu non blasfemei antes, non supliquei perante e non agradezo nada agora.
XVI – O novo mundo
Un home ía repetindo monotonamente nomes de persoas. -Manuel Vértoa, Xaime Liñaza, Arturo Martiño …
– Presente, presente, presente …
– Pasen pola porta tres.
Algúns puxaban para achegarse o pregoeiro.
– A min espéranme fora.
– ¿Para onde vai vostede?
– Para Pinar del Rio
– Saia pola porta catro.
En cuestión de dúas horas todo se disipou no porto da Habana, Che María, Lelo e Armando atopáronse sos mentres o persoal varría con unhas xestas os restos dos cigarros. Un funcionario de aduanas cos dedos marelos de fumar e un bigotiño facha achegouse a eles con unha carpetiña na man.
– ¿Vos que facedes aínda aquí ?
– Non sabemos onde ir.
– ¿E logo vos pensades que todos os que viñan no voso barco sabían a onde ir?
– ¡Seredes pailáns!.
– Nos dixemos a verdade, señor.
– Pero a verdade non se pode dicir sempre ¡collóns !
O funcionario atopábase contrariado, por culpa de tres descarrilados tiña que facer toda a tramitación para repatrialos se non lle atopaba un patrón, o seguinte transatlántico saia para Galiza de alí a quince días.
Armando decatouse que todos tiñan interese en arrondear os cantos:
– Home, eu teño un curmán en Cienfuegos.
O funcionario non esperou mais e agarrouse a ocasión.
– Déame o nome dese curmán e saíde do porto, un consello de amigo, non vagabundeedes pola Habana, buscade traballo canto antes, vos non tedes pinta de turistas americanos e aquí os maleantes fainos andar a policía.
Nos primeiros momentos camiñaron sin rumbo pola Habana, tiñan fame e sede, as señoritas arredábanse deles e facían cara de noxo o ver aqueles homiños, coas maletas de madeira penduradas, coas unllas a metade negras, aqueles zocos co ruído das brochas a andar, aqueles calzóns de pana …
– ¡Oi que horror !
– ¡Cala prea !
Mentres comenzaban a súa andaina polo mundo desapiadado da emigración parolaban do futuro inmediato e urxente.
– Temos que comer algo, ¿entremos nesta taberna?
– ¿E con que pagamos?
– Primeiro pedimos de comer e despois xa veremos.
Lelo estaba contra pero non dixo nada, o fin e o cabo a fame e a sede podían mais, entraron no restaurante e ficaron no medio das mesas a mirar arredor.
– ¡Vaia, vaia! ¡Uns paisaniños! ¡Mira Cornelia! esta mesma pinta tiña eu cando cheguei a Cuba. Vese que estades cansos.
– Nos queriamos comer pero non temos unha perra.
– ¡Nada, nada ! vinde para a cociña e comede canto queirades, se queredes douvos comida e durmida mentres non atopades traballo e, en troques, axudádesme na cociña.
En aqueles momentos venderían a súa herdade par un prato de caldo que aínda non o valía.
XVII – O pasado peta nas portas da alma
Armando deixouse caer na cama e abriu os brazos para ofrecer o mais posible de corpo a circulación da leve corrente de aire que ia da fiestra a porta.
– ¿Sabedes que o rei de España ten aquí unha casa a súa disposición dende fai séculos con criados que a teñen coma os chorros do ouro e nunca aquí veu?
– ¿Quen cho dixo?
– Coñecín unha moza no Paseo do Prado que traballa alí
– Segundo dicían hoxe no Centro Galego, o rei non virá mais, quédanlle poucas, disque xa proclamaron a república.
– O mellor pronto poderemos marchar para aló, parece que van ser os ricos e os cregos que ten que marchar.
– Ti soñas meu amigo, os ricos sempre se van saír adiante, os probes son demasiado estúpidos para gobernarse e, se algún enlistece, enseguida busca o xeito de vivir coma un rico ou un crego e esquecese dos seus de contado.
– Non sei como puidemos saír da nosa aldea, aquí traballamos coma negros so para comer.
-Como dicía Confucio : « Que se vaia por auga o pozo ou dar a volta o mundo, o mais duro e o primeiro paso»
Con estas e outras conversas pasou un ano sen saír da Habana en busca de traballo, cando chegaba un barco ían ao porto para ver se viña alguén coñecido e, un día, bateron con Indalecio do Médico que saía do porto, a alegría foi tanta que o convidaron a comer e durmir por unha noite no restaurante do Galego como lle chamaban onde eles traballaban.
– Vou para o lugar de Simpatía na provincia de Cienfuegos, reclamoume un cuñado da miña irmán.
– ¿Como quedaban as cousas por aló?.
– Pois coma sempre, morreu o Carballés e casouse a Xusta do Pombo.
A Che María caeulle o mundo enriba.
– ¿Quen dis que se casou?
– A Xusta, con Chucho do Zoqueiro, tan panxoliña que parecía e xa ía de oito meses, as malas linguas din que non e del.
Armando comprendeu de quen estaban a falar polo que Che María lle tiña contado, tanto el coma Lelo fixeron coma se non estiveran o corrente.
– ¿E logo de quen din que é?
– Iso non se sabe, ela non lle-lo dixo a ninguén pero polo que se ve, na casa do Zoqueiro están todos ledos co neno, Chucho lévao cara a taberna e xoga a partida con el no regazo.
Armando acendeu un charuto, doulle unha fonda calada mandando con forza o fume cara os pulmóns e dixo chiscándolle o ollo a Che María.
– Non te preocupes dos empurróns, porque até eles te botan pra diante.
….. Continuará…
]]>